18.1.09

Borges e Álvarez, El Calafate

Borges y Álvarez, Bar-Librería. El Calafate.

El Calafate é unha localidade da provincia arxentina de Santa Cruz que debe andar polos 40000 habitantes e que pola súa situación xeográfica constitúe a porta obrigada de acceso ó Parque Nacional “Los Glaciares” e á súa xoia, o glaciar Perito Moreno.

Vila típica do desenrolo o seu trazado cuadriculado xira ó redor da Avenida Libertador na que se atopan os centros de artesanía e tendas do lugar. O seu hiperdesenrolo turístico dos derradeiros tempos fai dela unha víctima propiciatoria de tódolos males do crecemento turístico; mais, por sorte, non todo está perdido.

No centro comercial “Tierra de Gnomos” ó pé mesmo da estación de autobuses no segundo andar anúnciase un establecemento singular: “Libro Bar”. É Borges e Álvarez un local que conxuga librería, biblioteca, sala de estar, cafetería, restaurante, bar e sala de concertos sen agobios.

A enorme estantería de cada extremo do local almacena libros de múltiples temáticas, formatos e linguas tanto para a lectura ocasional mentres se toma algo como ben empaquetados para a súa merca, así como postais e pequenos obxectos de artesanía. A calquera hora do día constitúe un refuxio, un punto de encontro ou unha atalaia para observar ó que sucede na transitada avenida Libertador.
Dende primeira hora cos almorzos ben surtidos de café, zumos (jugos) e bollería; pasando polo variado menú do mediodía con xantar ‘de prato’ ou fast food, unha ampla variedade de cervexas e viños ata unha carta de cocteis que porán a proba a capacidade decisoria dos mais atrevidos e música en directo pola noite; todo atrae cara este local do que levamos a mellor impresión pola atención da súa xente sempre disposta a explicar calquera dúbida que nos xurdira.


No hay comentarios: