5.8.08

Fora e dentro; Viña Albares. A cata 2008

Este ano non vou deixar pasar o tempo que logo xa me dá non sei qué e remato por non escribir.

A cata a que acudimos nun local da zona vella xusto diante da torre de "malvecino" da fortaleza medieval se realizou ó redor da adega Viña Albares que ten a súa sede e moitos dos seus viñedos en Albares de la ribera fora do territorio acollido pola D.O. Bierzo mais lonxe de faceren delo unha desvantaxe esta xente se puxo as pilas e aproveitou a oportunidade para facer cousas 'diferentes' e acollerse as novas denominacións "brancas".

A nós principalmente nos chamaron a atención dous dos productos que fan 'por fora' dos parámetros da D.O.

Uve A sauvignonUve A Sauvignon. Foi para nós unha sorpresa total pois non sabiamos que un viño desta cepa se puidera cultivar con tan bó resultado no bierzo.Aromas a flores e froitos como o pexego ou a pera e un sabor suave, doce en sen agulla. Simple e completo, xenial.
Tinto del obispo
Quinta del obispo. Mencia 1/2 crianza. Tratase do froito rei da zona, cultivado no que fora propiedade do bispo de Astorga na torre pazo que dá noma á adega. Nótaselle o paso polas barricas de carballo francés que lle prestan caracter e unha agrable sensación no traspaso.

É bó saber facer das carencias virtudes e dos problemas oportunidades.

EDICIÓN: Xaneiro 2009

Nestes días estase a celebrar un concurso de pinchos en Ponferrada patrocinado pola adega Albares na que se pode degustar unha copa dos viños sinalados mais un pincho 'de autor' por 2 € nunha serie de establecementos da capital berciana; non vos perdades os pinchos de Gambrinus, Al cuadrado i El otro.

4.8.08

Coñecendo a transición...

...Acudimos ó concerto de Amaral na praza do obradoiro para seren testigos, cando menos, dunha metamorfose senón de algo peor.

Hai 4 anos vimos a un nacente grupo no patio do instituto de Noia, un grupo de dous nominais e varios expoñentes que fixeron vibrar a unha chea de xente nova coa forza da voz de Eva, coas súas carreiras, co toque ‘snob’ do sofá sobre o escenario e cunha música ben compensada entre pop, rock e toques doutros estilos. Dous membros que se ollaban constantemente e que facían acenos ó público para que participase da festa e disfrutaban dela.

Agora vimos un escenario de grande banda, unha voz loitando contra os elementos, mais asentada, sen carreiras nin chimpos, tentando chegar ó público por moi diversos camiños. Unha música mal regulada, con demasiados trocos de guitarra e efectos mal manexados, chea de erros nos tempos que fixeron difícil seguir algúns temas aínda que se coñeceran... con continuos acenos cara ós controis tentando solucionar a falla de manexo dos efectos i escasas olladas ou xestos entre os integrantes do grupo.

Ó cabo, que o chimpo que eles mesmos din que deron “dende a Quíntana ó Obradoiro” foi mal direxido e non é cuestión de que se trate dunha banda pop que tenta facer rock con letras comprometidas senón dunha falla de adaptación á realidade das súas posibilidades musicais. Si se ten unha voz a esa altura ¿non abonda con compoñer temas para que dé tódalas súas posibilidades?. Os punteos das bandas de rock hai que deixárllelos a quen os sabe facer ou precisa deles para encher o que as letras ou a voz non saben dicir.

2.8.08

Come e Fala

...Iván Piñeiro e mais eu fomos xuntos ó instituto e xuntos fixemos os nosos primeiros “pinitos” na emisora de radionoroeste en Lalín; logo el puido facer periodismo en Madrid e, cousas da vida, agora está na R.G. dirixindo un programa de radio sobre gastronomía.

Si normalmente son moi crítico co oficio dos periodistas en xeral se trata dunha cuestión de noxo ás atádelas polas que se deixan guiar cara ó engano e a manipulación política mais no caso do periodismo gastronómico debo recoñecer que o único que sinto é unha noxenta envexa que se ve moi ben resumida no título do programa.

Percurou Iván un bo fato de comentaristas e reporteiros voluntarios nos que se atopa xente que coido destacada da gastronomía que se fai en Galicia como Manuel Gago por exemplo para os contidos sacados da rede. Velaí un indicador do ‘sabor’ do programa: amplitude de miras, aposta pola variedade e a multilateralidade.

Nos diversos espazos cos que se tenta encher a case unha hora de programa hai sitio para falar dos aspectos materiais e intelectuais, dos ingredientes e dos xeitos, da substancia e do recheo que hai ó redor do mundo gastronómico. Hai ollada ó local e hai perspectiva do que se fai por mundo adiante pois non vivimos illados e si queremos que as nosas viandas se difundan e os productos do país acaden o éxito que merecen tamén debemos apreciar e aprender do que se fai en outras latitudes.

Gústame especialmente o espazo adicado á chamada “parte intelectual” do xantar: O Viño. Recoñezo que a descrición das receitas se fai algo ‘pesada’ no medio radiofónico pois depende moito da riqueza da linguaxe de quen fala e case nunca consigue competir coas imaxes; mais ¿logo antes non había programas de receitas na radio?.

Para rematar a única crítica. A coletiña; si contamos os “por iso” que se din, se cadra chegamos ós 50 eh? por hora que dicía aqueloutra de Lastres...