12.4.08

Un café en Londres

Moita xente gosta de viaxar á capital británica incluso para fins de semana e compras; mais aló do sibaritismo ou snobismo que isto poda significar quédome co cosmopolitismo da cidade e a súa vibrante vida cultural.

Mais hai unha 'pega' que resulta até incómoda. En Londres atopas calquer clase de alimentación e con calquer grao de elaboración mais custa moito, moitísimo atopar un sitio onde che fagan un CAFÉ e non isas cuncas de auga manchada que o único que fan é perforarche o estómago.

Na derradeira visita tivemos a sorte de atopar a zona do "7 deals" no Convent Garden e por alí o "Neal's Yard", un sitio que ten de todo nun e que serve un expresso como ten que ser.


Visualizar o mapa ampliado

Recomendamosvos a zona para pasear por seren semipeatonal e porque ten algunhas remozadas galerías con tendas que lembran outras zonas ben coñecidas, logo podendes tomar unha cervexa tibia nun dos pubs historicos que hai nos arredores como o Porcupine e, si tendes sorte ou reservastes con antelación, unha función dun musical que hai tantos como gustos.

12.3.08

La Boheme no Bergidum

Non tiña eu moi claro que merecera a pena facer esta entrada e non tanto pola calidade da obra que comento como pola miña 'altura' para comentala.

O certo é que descoñezo si esta foi a primeira representación de ópera no teatro bérgidum mais o que si quedou patente é que se trata dun lugar un tanto xusto para obras deste calibre.

Temos pois unha primeira limitación; o formato da obra adaptouse e fíxose 'compacto' tanto na sección da orquesta como na escena para poder encaixalo no espazo do teatro ponferradino. Estes condicionantes non arredaron ó público que esgotou as entradas ó pouco de poñerse á venda o que fala ás clara que SI existe unha demanda deste e outro típo de eventos que precisan un auditorio con mais capacidade tanto no patio de butacas como tra-lo telón.

O asunto é que, coido, que estes atrancos de formato non foron quen de afectar ó desenrolo e calidade da representación que puidemos disfrutar. Para un absoluto descoñecedor deste xénero acostumado ás referencias das 'grandes voces' mais comerciais e con orquestacions mais completas foi unha fortuna non ter escoitado recentemente algunha das grabacions da obra destes artistas co que evitei distorsions e perxuizos de nivel e quedei só coas lembranzas das sensacions que os fragmentos que coñecía me produciran.

Tendes que disculpa-la calidade das imaxes mais atópabamonos lonxe e a cámara do mobil ten as súas limitacions

Ó meu parecer as fermosas arias de "Mimi" premiadas cos aplausos de todo o público estiveron a un moi bó nivel e sigo pensando así logo de escoitar o meu CD de MARIA ainda que recoñezo que ela está en outra galaxia.



Bueno, o que nos quedou claro é a débeda que temos de acudir a unha representación nun lugar mais axeitado (No real de Madrid ou, mellor, no pazo de ópera de A Coruña) e cunha orquestación completa.

3.3.08

AnA "Olvidouse" en Compostela

Cando quixemos ir a Silleda AnA pechara. Un día aturando na tele ó tipo ese da cámara e a moto a vimos novamente... en Compostela.

Instaluse na rúa do "olvido" cara a Sar polo Catrón Vello e aló nos fumos.

Unha casa vella rehabilitada con modernidade mais sen estridencias, unha chea de estancias pequenas e acolledoras; pedra a vista, paneles brancos e luz, música variada (Fado, Jazz, melódica) climatización contra a humidade.

Collemo-la degustación para poder probar mais e un Enate rosado 2005 de cor algo mais transparente do habitual e cun aroma moi marcado a fruto vermello.

Os pratos da degustación decantáronse cara ó marisco e o peixe todo elaborado con agarimo, sen estridencias con sabores e texturas recoñecibles e ben misturados e presentados. O rissoto estaba exquisito. Os postres son mais para o paladar que para a vista con sabores contrastados de doce e ácedo.

Relación calidade prezo asequible nun lugar recomendable.

20.2.08

O fracaso migratorio

A emigración é un fracaso...

...da sociedade na que se orixina.

Teatro de Ningures puxo sobre as táboas do Bérgidum unha condensación de textos e situacions comunes ó drama migratorio de Galiza e ás suas consecuencias para todos nós. Tamén apuntou con claridade e sen crispación cara á "volta da moeda" que vivimos nos tempos actuais e o pouco comprensible que é a actitude dun pais emigrante como o galego coa xente que agora inmigra cara a él.

Eu sempre digo que a ciruxía é o fracaso da mediciña como emigrar foi (É) o fracaso dunha sociedade que non sabe/pode desenrolarse por todo e por nada -deus- así os que emigraron son unha amputación de algo que semella sobrar e o lugar que deixan xa non voltará a se-lo mesmo como eles non o serán mais.

Criticamos ós que veñen porque non se "integran" cando o que semella é que queremos "asimilalos" facendolles esquencer quen 'son'. Cada quen debera escolle-lo seu camiño, uns; ir, traballar, aforrar, voltar a ???. Outros; ir, vivir, manter contacto, axudar e pedir axuda segundo vaian as cousas aló e eiquí. Si a opción de emigrar é libre esta sempre será menos fracaso que si, como entantos tempos e lugares, emigrar é a única saida.

Eu, duplamente emigrante, migrado agora de min mesmo; peregrinando sen move-los pés, cos ollos no sinos do ceo e o corazón como unha laranxa digo: Tod@s somos inmigrantes na terra e nunca voltaremos; só teremos o que saibamos deixarlle ós nos@s fill@s.

14.2.08

Pionono

Cando eramos dúas aves voando polo mundo demos, por casualidade co restaurante "Corleone" un día que chovía a mares en Compostela e o único lugar para pasear era a recen aberta área central.


Daquela a teima de probar cousas descoñecidas (que non novas) non a tiñamos tan desenrolada como agora mais xa apuntabamos... e demos con 'aquelo'. O Pionono unha variante Italiana do "brazo gitano" mais feito con salado no canto de con doce (así básicamente). Dende aquela o restaurante e o plato eran unha cita obrigada nas fins de semana que nos achegabamos a Compostela... Ata que un día. Atopamos a porta pechada.

Percuramos... e topamos cousas moito mellores que nos abriron os ollos no canto de que a rutina só leva ó aburrimento mais, seguiamos a lembrarnos do 'noso' Pionono...

Ata que o día de Viana do Castelo o vín, foi só un intre; nun mostrador dunha pequena pastelería viguesa mais bastoume para saber que o era. Tan manifesta era a lembranza que non tiven a mais mínima dúbida. O mercamos para levar e o preparamos cunha salsiña de setas e acompañado dun dos descubrimentos destes anos sen el: O Viño de calidade.

Foi un xantar estupendo, co sol pola fiestra o prato o viño e... a compaña.

29.12.07

O novo prado

Para min a nova 'cultural' do 2007 debera se-la posta ó día do museo con mellores fondos da peninsula ibérica, un dos mellores de europa e do mundo.

Mais, coido, que tratándose dunha obra necesaria e que ben lle virá ós visitantes do museo nin por asomo se achega ás que, no seu intre, lle deron un enorme pulo a museos como o Louvre ou o British...

Escomenzando polo mal organizado que está o 'circuito' para os visitantes: En primeiro termo; tende coidado cos horarios pois as horas de visitas gratuitas trocou, segundo: o esperpéntico espectáculo de ter que facer cola nunha porta (Goya) para mercarmos as entradas ó descuberto e na zona de penunbra (que si, que logo no verán se agradecerá), unha cola mal sinalizada.

Logo de colle-lo tiquet xa se pode buscar unha porta para entrar podendose escoller entre a nova porta (Jerónimos) e a vella porta principal (Velazquez) para as visitas individuais quedando a porta Murillo para as visitas colectivas.
Por nostalxia escollin a porta de Velazquez pola que entraramos a primeira vez xuntos Nieves mais eu cando aquela exposición de Velazquez...


A entrada conduce, tralo correspondente control de seguirdade, a unha zona de servicios con aseos e gardaroupa na que 'invitan' a deixaren os bolsos e mochilas; logo chégase xa a unha das zonas novas, "o recibidor das musas" un espazo amplo comparado co que había no museo mais que nin por asomo se achega a amplitude dos xa sinalados e outros museos de europa e américa.

Alí 'sufrimos' o segundo envite da lóxica de quen ten que argallar os circuitos de visitantes: Para irmos á exposición sobre Velazquez tiñamos que dar un rodeo completo... A exposición, tamén hai que dicilo, é magnífica e nada ten que envexar á que se fixera hai tempo; quero destacar a afortunada montaxe da derradeira sala na que se fai unha visión da "fábula de Aracné" (Las hilanderas) coa reproducción de Rubens do cuadro de Tiziano cuio tapiz deu pé para que Atenea 'metamoforsease' a Aracné.

Como a dita exposición temporal está no edificio villanueva, logo decidimos ir olla-las novas salas e o novo edificio mais escomenzamos por xantar na nova cafetería. A zona está dividida organizativamente en dous espazos con asientos; un para a cafetería e outro para o autoservizo mais como non se distinguen físicamente pois o museo ten na entrada a unha persoa que lle indica á xente por donde debe ir e sentarse segundo o que vaia a consumir... O menú do autoservizo non é caro (ten opción infantil e 'veg') e ten variedade e calidade dabondo con racions normais.

O recibidor da porta de Jerónimos que dá paso ó edificio novo é tamén amplo comparado co que había mais carece da vistosidade da 'sala das musas'. Por alí accedese ás salas do edificio novo que neste intre albergan unha exposición temporal sobre pintura do século XIX con moitas obras de grande formato moitas delas centradas nas esceas históricas de corte patriotico... O chan das salas é terriblemente ruidoso e xa mostra marcas de desgaste malia a seren novo.


Pasamos logo, subindo polas escadas mecánicas (menos vistosas que, por exemplo, as da londinense National Gallery), ata o rehabilitado patio do mosteiro co polémico cubo... Un panel na entrada nos pón en antecedentes do que foi ese patio que no intre da nosa visita contiña unha exposición de esculturas históricas dos reis "Austrias" que tanto gostan polas súas reminiscencias da preponderancia hispana no mundo...
Dende ese patio pódense albiscar as salas de traballo dos talleres de "mantemento" e restauración das obras que, cecais, é o mais positivo destas obras.

O QUE FALLA
Pois principalmente falla brindar un espazo cuberto mais luminoso no que face-la espera para merca-lo tiquet, deixa-la impedimenta e merca-los agasallos e publicacions especializadas.
Falla non ter un parquing mellor disposto e falla desaproveita-lo espazo do Casón do Retiro...
Fallouse en darlle-lo 'golpe' de vistosidade que si teñen os outros "grandes"; supoño que debe ser difícil pois o espazo do que se dispón está mais restrinxido e hai zonas que non se poden tocar e tampouco se pode facer da cidade unha toupeira.

18.12.07

O tesouro de Malasaña

O restaurante "La isla del tesoro" está na rúa Manuela Malasaña moi perto da estación de metro Bilbao. Ten unha ambientación moi lograda a base de obxectos que levan a pensar en viaxes polos lonxanos mares de asia e polo caribe con multitude de obxectos de moi deiversa índole. A iluminación e morna, facendo; xunto coa música un ambiente moi agradable. Servizo exelente con persoal atento e amable mais non acosador, que sabe suxerir sen impor.

Carta suxerente, que aborda tódolos aspectos do xantar vexetariano con imaxinación e sen complexos; ben elaborada en racions xenerosas e cunha presentación mais ca correcta. A carta de viños é abondosa destacando os de producción ecolóxica; non teñen menú infantil mais si teñen comida e bebida compatible para cativos. Os postres non teñen dúbida cunhas presentacions suxerentes e plenas de sabor e texturas. Ampla variedade de infusions para remata-la "degustación" e prezo axustado ó que se oferta.

9.12.07

Un rosado para o nadal

Tivo a ben un amigo en nos orientar co exemplo cando lle preguntamos por un viño rosado para acompaña-los pratos do nadal.

Deunos para probar "Quinta da Sequeira" rosé 2006 coa recomendación de tomalo ben frio e coa maridaxe indicada. Trátase dun viño do douro de cor rubí claro e cun destacado aroma de frutos vermellos no que sobresae a Frambuesa. Ten un primeiro sabor gorentoso, case doce e un traspaso suave que deixa unha pegada delicada do seu aroma.

Que o degustedes.

18.11.07

Milladoiro no Bierzo

Como grande traca final das miña cuadraxésima volta ó sol cadrou que voltase Milladoiro a actuar en Ponferrada; no teatro "Bergidum".

Non foi nen moito menos unha desas actuacions nas que danzaba estasiado dende a primeira a derradeira peza; non foi dende logo como os coñecin na Quintana en 1982 ou logo en tantos outros lugares do pais, en eventos sinalados ou en concertos en vilas ou cidades perto de onde eu moraba. Eu non son o mesmo e sería moi pretensioso pola miña banda agardar a que eles o fosen.

O aire de serenidade que un teatro como o Bergidum ofrece non favorece en nada a un espiritu festeiro e festexante como o meu mais eu eleveime por riba delo e disfrutei da actuación dende o meu asiento.

Renovarse ou morrer... Nen unha cousa nen a outra. Milladoiro ten trocado unha parte da formación nestes 30 anos, levando os actuais compoñentes uns 5 anos (dende "o niño do sol") coa incorporación dos novos valores o grupo gañou en apertura a outras tendencias musicais e pagou o tributo dun certo alonxamento das pezas tradicionais 'puras'. Seña como fose as composicions seguen a ser impecables e o grupo non actúa coa deseperación dunha fuga cara adiante, senon que fai múltiples xestos cara ó seu percorrido artistico.

A capacidade multinstrumental de tódolos membros, a inclusión de varias pezas cantadas, en especial do album adicado a Manuel Maria, e a conservación, malia que reducida, desa "vibración" cara ó público deron nun concerto que cautivou a un teatro cheo que participou de bó grao nos 'xogos' que o grupo propuxo.

Disfruteino.

"Quen puidera namorala, quen puidera namorala, meu amigo..."

30.10.07

A Derradeira sempre é a mellor.

Pois ainda que soe a tópico é certo. Neste mes que mañan se inicia temos a derradeira ocasión de visitar (revisitar) o camiño que propoñen "Las Edades del Hombre" en Ponferrada que se clausurará o día 24. Non me teño extendido moito sobor dela non por falla de apego a esta terra que me acubilla nen por inconformismo co que se refire á arte sacra ou ó planeamento do proxecto da confederación de dioceses de Castela e León senon por pensar que é mellor que cada quen se faga a súa valoración sen mais.

O que sí podo dicir, como afrimo no título da entrada, é que se trata da mellor ocasión pois non só se ten a disposición unha exposición 'digna'; xusto en fronte está o remozado castelo de Ponferrada e a propia zona vella da vila pequena mais acolledora. Mais valor aportan aínda as cores do outono por toda a ola berciana con especial interese na paleta de ocres que se pode disfrutar ó visitarmos As Médulas e perdernos polo roteiros que as percorren.

Para non desmerecer de todo elo temos a ocasión de disfrutar de, polo menos dous "festexos" grastronómicos:
'O das setas' como gostamos de lle chamar na casa que este ano será do día 13 ó 16 de Santos con degustacions diarias no restaurante Azul.

'As xornadas' ata o 9 de Decembro tódolas fines de semana en diversos restaurantes da bisbarra con menús pechados a un prezo de 22€.

'As catas' Os Xoves en Venres organizadas polo concello e diversos establecementos da zona alta de Ponferrada en colaboración con diversas adegas do Bierzo. Unha experiencia moi interesante e un xeito marabilloso de profundizares no mundo do viño. Algo que tamén no bierzo vai dar moito que falar e que facer...

1.9.07

Ou Revoire!!!

Ben, derradeira que non final entrada desta viaxe... colguei uns vídos no Youtube do museo D'orsay e do seu comedor. Sí que se poden sacar fotos sen flash salvo nas exposicións temporais nas que empreguen fondos de outros museos ou galerías.





Onte fumos a Disney, visita obrigada viaxando con cativos ainda que xa en tempada normal pagas entrada para pasar 3/5 do tempo agardando en Agosto ainda é peor. Apañamonos para que fosen a tódalas montañas rusas e algunha repetiron... pasarono moi ben.

Hoxe saimos sen rumbo fixo a pasear por montparnase e voltaremos ó barrio latino. E con esto remato o uso do Mac deste hotel que me viu moi ben para coñecer ese outro mundo da informática que se agocha tras da mazá multicor...

30.8.07

Mais Paris



Ola de novo; voulle collendo o tranquillo ó MAC e xa puiden pasarlle as fotos do teléfono... Agora teño que atoparlle as funcios de edición...

No día de antonte demos longos paseos por diversas zonas da cidade, en especial polo Marais e seguimos o "axe historique" entre a praza da concordia o arco de triunfo e o grande arch de la defense (en metro). Tentamos por tódolos medios aluga-las bicis de "Velib" mais foi imposible. Unha moza dun posto de información explicounos en castelan que ese sistema leva só un mes e que o sistema de aluguer para 1 día ou 7 precisa de traxetas de crédito "con chip"... Aínda así o sistema semella fantástico pois nas "mairies" do centro onde se aplica non hai mais de 300 metros entre as estacions e hai unhas 30000 bicis.

Xa vos contarei dun sitio para xantar "veg-eco" perto do Pompidou barato e cun servizo moi atento; agora non teño a tarxeta á man.

Onte, como vedes na outra foto, fomos ó Louvre... E digo fomos porque pasamos alí o día enteiro. Foi un día fantástico os rapaces estiveron xeniais e lles gustou moito todo o que viron. Collemos unha audioguia e visitamos tódalas alas aínda así o museo é tan grande que é imposible velo todo nun día (nin en dous nin en tres) onte estaban pechadas as salas de pintura española do século XVII e XVIII espero que non foran como as salas de escultura española (ó final da sala onde están os escravos de Migeul anxo) qu realmente é patética con poucas pezas e nun lugar oscuro, de cemento e coas pezas como escondidas nas esquinas.
Comemos na terraza do café do 1º piso da ala Richelieu e non foi caro e a comida (de prato) é variada.

Ben, hoxe Orsay,,,

27.8.07

PARIS

Como lle debo moitas entradas a este blogue voulle adicar un pouco de tempo nesta viaxe...

Levamos xa 3 dias realmente fantásticos en Francia. O sábado tras achegarnos ó hotel e comproba-la zona collemos cara á cité e alí visitamos a Notre Dame; logo descansamos un pouco no parque Xoan XXIII que está xusto detrás e demos unha volta polo barrio latino ata a praza Maubert onde mercamos o xantar nun mercadillo (eu merquei comida libanesa) e logo o tomamos na sombra do citado parque; descansamos alí outro anaco e nos desprazamos ó longo do rio ata a Saint Chapelle. Saimos e demos outro paseo polo barrio latino ata o Odeón e o Parque de Luxemburgo onde pasamos o resto da tarde.

O Domingo fomos ata Blois en tren e alí alugamos unhas bicis e collemos un xantar típico de Baguettes e saimos en dirección ó chateau de Chambord. Ameazaba trona mais non tivemos ningun atranco. O chateau é fantástico e estaba ambientado cunha banda de homes con cornetis de caza e atavaiados de época. a zona é marabillosa para andar na bici e todos disfrutamos moito. Voltamos a Blois con tempo para dar un paseo polo casco vello e cear e logo collemo-lo tren cara a París; ó chegarmos demos un agradable paseo dende a Gare d'austerlizt ata a gare de Lyon.

Hoxe foi un día moi completo. Fomos ata a estación de Trocadero para atoparmos coa Tour Eiffel de fronte... as facianas dos rapaces mereceron o traballo da viaxe. logo baixamos e fixemo-la cola para subir. Estivemos dúas horas na torre admirando as fermosas vistas deste día tan espléndido e recreándonos nos detalles da historia constructiva da obra e dos feitos dos humanos no tempo que a tour leva en pé. Xantamos nunha terraza modestamente e saimos cara ó campo de Marte para pode-la admirar tal e como se pensara hai xa mais de 100 anos. Logo fomos a Montmatre a ver a Básilica do sagrado corazón e a pasear polas rúas cheas de locales encantadores e galerías de arte. Na praza du Tertre lles fixeron uns retratos ós nenos que estaban case tan ilusionados coma nós. Logo seguimos paseando ata que atopamos unha tenda de productos gregos que vendian 'a emporter' e collemos alí a comida; subimos no bus e voltamos ó campo de marte para disfrutar do atardecer mentras ceabamos con centos de parisinos e turistas nun 'botellón á francesa' ,mágoa de non ter mercado viño porque calquera nos houbese deixado o abridor.

Ainda nos quedan 5 días así que tentarei seguir escribindo i engadindo algunha información práctica. En principio só dicir que o transporte público parisino segue a terme fascinado e que si vindes por unha semana enteira (natural de Luns a domingo) vos traiades unha foto e merquedes unha 'carte orange' pois sae moi a precio.... tampouco deixedes de admirar o sistema de prestamo de bicletas Velib que se pode facer contra a tarxeta de crédito por un ou 7 días e permite coller bicicletas sen outro cargo mais ca o abono durante media hora; a segunda media hora custaría 1 Eu; a terceira media hora 2 Eu e a cuarta e sucesiva 4 Eu. Vese que está pensado para os desprazamentos curtos e funciona porque hai moitas estacions e as bicis vense por todas partes.

27.5.07

Reflexión gaiteira

O Venres foi o fin da campaña e para festexalo marchei ó único acto no electoral do día.
O sorprendente concerto dos "Gaiteiros de Lisboa" en Ponferrada tivo boa acollida (2/3) e foi un espectáculo moi interesante. Non son quen de facer un calificativo desta rexeneración do folklore tradicional empregando os elementos sonoros aportados por séculos de contacto cos 'ritmos tropicais' africanos e brasileiros e polo inxenio de mestres Luthiers modernos, mais si podo dicir que foi unha mágoa que o concerto se fixese nun teatro con butacas e non nun lugar aberto pois, en moitas ocasions, a música invitaba a danzar e non a estar sentado.
Como mostra do seu pensamento estas verbas...

Veneramos o gaiteiro de Trás-os-Montes que vive tocando e bebendo enquanto outros lhe tratam das terras (bons tempos!), os virtuosos gaiteiros galegos, escoceses e irlandeses e ainda mais outros, que nos tempos conturbados que vivemos, tentam devolver a gaita de foles ao seu habitat natural - o convívio entre as gentes. São como santos no nosso altar musical. Sabemos, no entanto, que o caminho que vamos traçando nunca nos levará àquela santidade
Certamente disfrutei da actuación ainda non recoñecendo nengun tema pois xa están moi lonxe daqueles que presentaran un video para o Xabarín ainda que manteñen como señas de identidade a importancia das voces e dos ritmos de tambor.

19.4.07

A Casa do Antón

Ainda que un nunca precisa de motivos para voltar a certos sítios o certo é que si se precisa dun refuxio onde estar a gusto.

Decía o meu vello que para estar detrás dunha barra non hai que estar moi estudiado mais hai que ter moito estudo; ainda que lle custaba chegar ata alí el iba de boa gaña ata a casa do Antón porque opinaba que o patrón tiña o que hai que ter para iste negocio.

Trátase dunha casa vilega situada no que era a saida de Lalín cara a Ourense e agora é o centro da 'cidade'. No baixo da casa se conservou a estructura básica da mesma incorporando un amplo ventanal interior para gañar confort no pasillo. As dúas estáncias, coas paredes de 'pedra vista' como todo o chan, son aproveitadas con mesas sinxelas e sillas antigas de comedor tapizadas e resultan do mais acolledor a calquer hora do día. A zona da barra ten unha decoración moito mais moderna con luces de neón e unha grande mesa de metacrilato; a barra alta e retroiluminada convida a se achegar para disfrutar da compaña do patrón e divisar a variedade de Viños, cervezas, licores e outras brebaxes que pon a disposición e sobre os que sabe aconsellar si dubidas ou non tes claridade de ideas.

A ben seguro que todo isto abonda para merecer unha visita, mais o que vai significa-la diferencia entre visitar e quedar prendado é, sen dúbida, o 'multipincho' co que acompaña cada consumición. Todos eles elaborados con productos locais, con boa apariencia e mellor sabor non desmerece para nada a calquer lugar de 'tapeo' de cidades mais reputadas.

26.3.07

Galway night

Recentemente fixemos un St. Patrick Trip á capital cultural de Irlanda, situada no fondo dunha bahia pechada polas illas de Arán que a protexe do ruxír atlántico Galway ten unha intensísima vida nocturna gracias, en gran parte, á presencia de moita xente nova que estuda ou fai cursos nas súas universidades.

No noso rápido paso puidemos coñecer:

O'Connors, no suburbio turístico de Salthill, Decorado con unha enorme cantidade de obxectos antigos de todo tipo e uso (como se pode ver no video) para min destacou pola súa chimenea co lume aceso e a roupa colgando a secar como si dunha casa se tratase; ten música en directo (a partires das 22h) e non ofrece comida.



The skeff na céntrica eyre place. Xigantesco, con moitas salas todo él en madeira con aire moderno e música enlatada mais audible. Comida de todo tipo incluido restaurante á carta. Lugar da xentiña 'in' da comunidade local e universitaria moi concurrido á hora dos acontecementos deportivos televisados.




Taaffes pub. No centro de Galway, moi concurrido; ten 2 premios da asociación de pubs á musica en directo (2002 e 2006) a nós semellonos moi cheo de xente mais ben ambientado.



Monrose pub. Situado na outra banda do río, na Dominik st. Recomendounolo o patron da nosa B&B e foi moi boa recomendación; ten unha barra bastante grande, dúas zonas con sitios para sentarse e comer (ata as 21:30 de todo, logo só pizza) a bó prezo. A actuación de música tradicional foi moi boa e o ambiente acompañaba sen estridencias.



O'Connell's. Pub "americano" tamén na Eyre place. Pequeno, con decoración curiosa e moita clientela fixa. A verdade é que neste só tomamos un café (delicioso) para espanta-lo tremendo frio do temporal ártico, pero gustounos.

Tig Coilí. A escasos 10 metros do Taaffes na mesma rúa principal de Galway. Pub moi reputado de música tradicional, nas súas paredes colgan centos de fotos de toda a xente que 'é algúen' nesto da música tradicional irlandesa. Moita clientela, moitos deles moi maiores escoitando con atención ós músicos que, a todalas horas (neste si) amenizan o local. Non sirven comidas nen falta que fai, non terían sitio para mais xente; é mais, cando fai bó tempo a rúa diante da porta se enche de xente a escoita-la música de dentro.




























Spanish arch. Perto da porta do mesmo nome da vella muralla da cidade, na zona antiga perto de Tig Coilí e Taaffes. Moi grande, con dúas barras e un grande escenario na entrada; zona de comedor ó fondo e chimenea. Alí puidemos disfrutar dunha actuación de fusión folk - jazz cunha agrupación de dous músicos españois e dous irlandeses. foi moi emocionante escoitar toca-la gaita galega nunha terra tan semellante e, ó tempo, tan diferente á nosa.



Lamento a calidade dos vídeos, a luz resultoume engañosa...¿ou serían as Guiness?.
Nalguha peli falaban do inicio dunha longa amizade, eu falo da confirmación dun lonxano amor...

17.3.07

Metodo desconstructivo

Idesme permitir que vos minta...

Fumos hoxe ver unha desas estranas ocasions nas que o reparto completo dunha obra de teatro fai a "xira de provincias" mantendo así a montaxe orixinal que tivo cheo absoluto nos teatros da metropole durante meses; daquela non atoparamos entrada, desta case.

Chegamos puntuais á terceira chamada e escomenzou a 'selección'. O METODO GRÖNHOLM é unha traxicomedia moderna na que non morre ningúen mais o protagonista si que debe sentir gañas de morrer ó verse desfragamentado por unha chea de situacions cando menos extravagantes no mais puro estilo do psicodrama.

Nunha descarada crítica ós sistemas de selección de traballadores que empregan, sobor de todo as multinacionais, (tódalas pistas sinalaban a Ikea neste caso) e que son levados ó limite nos casos de selección de directivos; o guión relata esa "derradeira entrevista" na que os candidatos se enfrontan reunidos a unha serie de escenificacions de situacions persoais que afectan dun ou outro xeito ó desempeño profesional e que sobrepasan con moito os límites do moral para converti-la xestión nunha especie de culto ó beneficio empresarial.

Unha boa interpretación dos catro 'espadas' con mención especial a Jorge Roelas cunha mímica moi desenrolada que daba un aire moi realista ó seu papel.

Ó cabo, NON BUSCAMOS UNHA BOA PERSOA QUE PAREZA UN FILLODEPUTA SENON UN FILLODEPUTA QUE PAREZA UNHA BOA PERSOA.

2.3.07

Rañadero 37

Ainda que xa hai tempo que abriu non atopabamos ocasión de deixarvos a nosa opinión sobre este 'lugar de bó xantar' que tanto se comenta pola nosa cidade...

Polo nome saberedes os que sodes de por perto que se sitúa nunha das rúas mais antigas da cidade; a que baixa dende a fortaleza templaria e a praza da basílica cara á ponte de cubelos no traxecto do camiño de santiago. O pequeno comedor, apenas para 30 persoas, ofrece unha ampla panorámica sobre o tramo mais urbano do rio Sil (o situado entre as pontes actuais) e a parte baixa da cidade.

A decoración tanto da zona de recepción como do própio comedor e os servicios está bastante coidada pensando en crear un ambiente acolledor e non sobrecargado con unha iluminación dabondo mais sen agobiar i elementos de cor que rachan o xusto a sinxeleza das paredes de madeira e o mobiliario de aire zen.

A atención é realmente do mellorciño da cidade mais sen agobiar e coidando que a información que se proporciona tanto dos manxares como das bebidas permita a adaptación ós gustos do comensal e unha correcta maridaxe si é o caso. Posue unha carta na que se presta atención ós productos da terra cunha coidada elaboración mais lonxa da sofisticación kich e unha variedade de pratos "foraneos" que non deixará insatisfeito a ningúen.

Boa variedade de viños centrada, como non podía ser menos, no producto local; mais con presenza de caldos de outras localizacions do estado e do extranxeiro e, como xa dixemos, cun bó aconsellamento para facilitar unha escolla acertada.

A variedade de postres pode semellar curta mais saciará ós mais golosos e non deixarán indiferente a ningúen.

31.1.07

VEGAVIANA



Co nome desta pequena poboación extremeña atópamos no centro telúrico de Chueca, a escasos 100 metros da boca de metro, un restaurante que se autodenomina vexetariano e que eu engadiría "tolerante".

Trátase dun local pequeno, con decoración modesta e ambientación normal na que destaca un terrario e unha barra de servicio para o persoal un tanto extravagante. Admiten reserva telefónica e mellor será facela pois sendo pequeno e ben situado xa abondaría para telo cheo nas horas clave mais ainda tratándose dunha moi boa opción calidade-prezo.

Repudiado polos puristas que o acusan de "carnaca" por ofrecer polo o certo é que ten dentro do seu menús opcions para non deixar fora mais que ós fumadores pois neste local tragar fume non é unha opción dentro dunha carta que coida moito a orixe dos seus ingredientes, empregando productos frescos e de cultivo ecolóxico con atención ó mais cercano. As opcions para beber incluen viños cunha variedade sorprendente para un local tan pequeno.

A orixinalidade das súas combinacions non se queda na "apertura de miras" da oferta de 'supremas de polo' senon que atingue tamén ás combinacions de ingredientes, á presencia puntual de pratos con aires de outras paraxes como o combinado azteca ou os pratos con sabor mais desérticos e as pizzas e a pasta que sempre dan ás persoas non vexetarianas as opcions dabondo que os vexetarianos NON teñen nos restaurantes "normais".

Os gorentosos do doce poden ter un grave problema á hora de elexir pois, ainda semellando limitada, a carta de postre porallo moi dificil á hora de decidirse.

21.12.06

O carreiro Aguiño

Tiña eu que facer un post co galo de colocar un link a technotari para reclamalo como meu e, non tiven dúbida para elexir dempois de ver onte unha foto familiar nunha inmobiliaria perto da casa; no roteiro cara a zona de deportes.

Ainda que o ano non escomenzou normalmente a estas alturas xa estaríamos certos dunha cousa: O mes de vacacions de verán o pasamos en Aguiño. Levamos xa 8 anos indo ó remate da Barbanza e xa é unha parte da nosa existencia.

Cando escomenzamos a ires cáseque non comiamos fora i eu non gostaba do viño só o bebía en contadas ocasions; todo iso foi trocando coma eu mesmo e, coido que por desgracia para o bó gusto, o própio Aguiño. Veu "aquelo" do 2002 e fun nos días da ponte de decembro a me bañar no negro que cegaba esta mesma praia...

Como este recuncho segredo para nós tamén temos alí o noso lugar favorito de xantar ó que non queremos faltar polo menos unha vez ó ano e no que percurarmos parar ó mediodía antes iremos a xantar.

Está o restaurante O Carreiro xusto detrás das moles (isas do anuncio da inmobiliaria) que se ergueron no porto de Aguiño no lugar dunha antigua conserveira (non podía ser menos;en todo o concello de Riveira acontece o mesmo) é un local novo cunha decoración funcional na zona de bar que non é nin grande nin pequena e que pon bos pinchos e ten un Albariño "colleiteiro" moi bó; e mais clásica con toques mariñeiros e Zen no comedor.

Sempre que imos ten moita xente i este Agosto ainda mais de xeito que no verán vos recomendamos reservedes con tempo (981840695) sobor de todo si sondes mais de 4.
O porqué desa demanda ven se lee na prensa:

En la parroquia ribeirense de Aguiño, el restaurante O Carreiro se ha ganado en dos años el respeto de la clientela más exigente. A los fogones, Joaquín Millán Miranda. La carta es de las de dos o tres líneas por plato
I é certo que a carta ten moito que ler e moito que saborear; tanto que en mais de unha ocasión nos temos lamentado de que non teñan "degustación" polo que sempre temos que monta-lo show de pedir cada un un prato diferente para logo irmos probando.

Como non podía ser doutro xeito donde se sae esta xente é nos productos do mar; porque ainda que as nosas rías e caladoiros anden de capa caída no que respecta á cantidade a calidade segue a ser insuperable i en "O Carreiro" ben que o demostran con presentacions que poden semellar clásicas mais que encerran innovación e moito saber. As carnes son tamén obxecto de atención por parte do cociñeiro que se ve que estivo aprendendo no interior do pais a "sacarlle xugo". A carta de viños no que respecta ó pais é equilibrada sendo de destacar os albariños dos viñedos que poderíades ver pola ventana do local aló na outra banda da ría.

Non sabemos como serán as cousas a partires de agora, mais ista é para nós unha débeda e non unha opción e como tal tentaremos cumprila na primeira ocasión.