18.1.09

Borges e Álvarez, El Calafate

Borges y Álvarez, Bar-Librería. El Calafate.

El Calafate é unha localidade da provincia arxentina de Santa Cruz que debe andar polos 40000 habitantes e que pola súa situación xeográfica constitúe a porta obrigada de acceso ó Parque Nacional “Los Glaciares” e á súa xoia, o glaciar Perito Moreno.

Vila típica do desenrolo o seu trazado cuadriculado xira ó redor da Avenida Libertador na que se atopan os centros de artesanía e tendas do lugar. O seu hiperdesenrolo turístico dos derradeiros tempos fai dela unha víctima propiciatoria de tódolos males do crecemento turístico; mais, por sorte, non todo está perdido.

No centro comercial “Tierra de Gnomos” ó pé mesmo da estación de autobuses no segundo andar anúnciase un establecemento singular: “Libro Bar”. É Borges e Álvarez un local que conxuga librería, biblioteca, sala de estar, cafetería, restaurante, bar e sala de concertos sen agobios.

A enorme estantería de cada extremo do local almacena libros de múltiples temáticas, formatos e linguas tanto para a lectura ocasional mentres se toma algo como ben empaquetados para a súa merca, así como postais e pequenos obxectos de artesanía. A calquera hora do día constitúe un refuxio, un punto de encontro ou unha atalaia para observar ó que sucede na transitada avenida Libertador.
Dende primeira hora cos almorzos ben surtidos de café, zumos (jugos) e bollería; pasando polo variado menú do mediodía con xantar ‘de prato’ ou fast food, unha ampla variedade de cervexas e viños ata unha carta de cocteis que porán a proba a capacidade decisoria dos mais atrevidos e música en directo pola noite; todo atrae cara este local do que levamos a mellor impresión pola atención da súa xente sempre disposta a explicar calquera dúbida que nos xurdira.


Paprica, Lugo

Tiña que ser dese xeito; acudimos á bimilenaria cidade de Lucus Augusti e tiñamos que aproveita-lo tempo...

Percurei consello no parecer de outros blogueiros coñecedores da cociña galega e topei esta recomendación e mais estoutra. Evidentemente non temos os coñecementos nin a experiencia de colineta ou de gourmet de provincias para facer unha grande crónica nin levamos libreta na que apuntar tódolos datos así que diremos o noso parecer sen moita floritura.

Trátase dun local xeitoso sito nunha ruela dentro de murallas mais de localización non casual, quero dicir que ou sabes donde vas ou non o topas diante nun paseo normal. A fachada sí que 'ten pinta', atrae a quen gosta dos ambientes pouco recargados, minimalistas diría eu. Unha barra pequena cara a unha cristaleira invita a pasar eses intres de espera tomando un aperitivo.
Comedor nen grande nen pequeno cara a un patio interior ten tamén unha decoración pouco cargada e con boa iluminación, mobiliario acorde e vaixela de louza branca e copas estilosas.

Como as circustancias da viaxe eran as que eran e tocaba conducir tra-la cea a lianta da miña compañeira pediu un espumoso para acompaña-la cea (botella pequena) que eu completei con auga para repoñer o que perdera. De xantar tomamos o Foie e o Atlantico-Pacífico como primeiros e un Risoto mais un bacallu... como non gosto da orde direi que o mellor sen nengún xénero de dúbida é o risoto que fai "move-las orellas" da emoción, o Foie estaba esquisito mais algo salgado, o combinado atlántico-pacífico resultou o exotismo que percurabamos e o bacallau tiña unha feitura que me lembrou á merluza negra que tomamos en Ushuaia...

A Relación Calidade-Prezo semelloume mais que aceptable e como comentario final dicir que tras correr, tomar 2 cortos de cerveza coa súa tapa, 2 copas de espumoso coa cea, auga e café o resultado da alcoholemia foi "0,0" en Guntín.

16.1.09

Ramos Generales, el almacén. Ushuaia.

Esta é a primeira de unha serie de entradas que penso facer sobre os sitios que tivemos a sorte de coñecer na nosa recente viaxe á Arxentina (enlace álbum web).

A visita a Ushuaia constitúe un dos fitos casque inescusábeis de unha viaxe á Patagonia. Poboación creada co obxectivo soberanista e co traballo de presos que padeceron condicións inhumanas Ushuaia, a “bahía que mira ó poñente” na agonizante lingua Ona, é hoxe unha cidade grande, que se esparexa polos montes en construccións mais ben pequenas e que se nutre na actualidade do turismo e da explotación de algúns dos recursos forestais da zona (Lengas, Turba...) tras unha historia chea de erros, abandonos e moito, moitísimo sacrificio.

De A Farola de Praga


Unha de esas historias é a que deu lugar ó almacén e tenda de “Ramos Generales” que a principios do século XX fora un dos tantos establecementos que se fundaran na cidade para comerciar cos colonos e coa prisión. Na actualidade o establecemento conserva a estructura xeral do que fora mais nos estantes acumúlanse os mais diversos obxectos que foron caendo no desuso co paso do tempo, o mostrador ten a venda a mais deliciosa repostrería, como non alfanjores incluídos, e bebidas como a fantástica cervexa artesán local “Cape horn”; a trastenda xa non almecena mercancía senón que é o lugar no que se cociñan platos que abranguen o mais tópico ‘fast food’ con sabor local e as receitas propias da zona como a deliciosa Merluza negra; e no canto da caixa unha máquina de café da que saen cousas tan interesantes como o submarino ou o café “Martín Fierro”. Música de bo gusto ó xusto volume fan deste lugar o refuxio necesario no variable clima de ese extremo do mundo.