22.1.14

Adventurous Antelope Canyon Photo Tours

Si algunha vez oistedes falar do canón do antílope saberedes que paga a pena visitalo e mais aínda si pasas perto...

Foi o que nos pasou en Xullo no noso tour polos EEUU... pasamos perto de alí camiño do Gran Canón pero ese día decidimos seguir; foi logo cando pensamos que era mágoa deixalo pasar e o día 28 nos tiramos dende Flagstaff (aprox. 200 millas 3h) ata alí.

Xusto ó lado da planta enerxética da "nación navajo" na AZ98 (curioso estado dentro dos EEUU con cousas que si aquí llas déramos ós catalans ardería troya) estaba o repleto parking e o posto de Adventurous Antelope Canyon Photo Tours como xa sabíamos non tiñamos hora para ese mismo intre así que nos daban viaxe para 3 horas dempois... 

Como o día amenazaba trebón xa andabamos coa mosca tra-la orella pero non tiñamos outra opción nin outro día... pagamos coa tarxeta e fumos a Page a mercar algo para xantar e ve-lo encoro de glenn canyon.

Cando voltamos ó chiringo estaba valeiro e nos diriximos á ventana para que nos confirmaran o que sospeitabamos... a autoridade gubernativa ordeara o peche do canon e o tour estaba anulado. Soliciteille a devolución do cargo á encargada que tras facer unha chamada me dixo que estaba solucionado...

Cando voltamos da viaxe puiden comprobar que o cargo non estaba retrocedido e que os 98€ seguían cargados na tarxeta. 

Tardamos cáseque 6 meses e 3 reclamacions en recupera-los cartos.

Non digo que o sitio non pague a pena (a ben seguro que sí) só que teñades precaución coa meteoroloxía e coa forma de pago.

2.7.10

Longarela o remanso de paz á beira da muralla.

Fumos a ver unha de Celtas no medio dunha de romanos e topamos unha de desastre natural... pero nós cobilladiños nun recuncho de Castroverde descansamos ata ver sai-lo sol tra-lo arco da vella e cando chegamos á cidade amurallada o trebón era só unha mala lembranza.

Trátase dunha casa labrega grande, con estructuras anexas ben pensadas e unhas poucas modificacions no interior para acadar espazos de estar (1 salon con Lareira e outro con cheminea) moi agradables cun mobiliario nin tosco nin moderno, boa iluminación e aporveitamento da luz natural ó tempo que se permite contemplar polas fiestras a fermosa paisaxe do lugar. Habitacions cómodas ben climatizadas con servizos equipados ó gusto antiguo mais sen faltar de nada. O comedor de hospedados ten aire de adega que invita a almorzar con calma.

Pero o mellor de todo é o trato das propietarias que fan que un se sinta como na casa e que marche con gañas de voltar.

27.3.10

Ramiro's science's


Aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid e que alí á beira do río fixeron un museo da ciencia con un alto mirador sobre a cidade nos subimos para contemplar o exterior e o interior.

Ramiro's é un grupo empresarial familiar que ten ademais do restaurante do que falaremos outro en San Juan de Puerto Rico, unha adega de viños e unha escola/taller de cociña.

O restaurante do museo da ciencia situado na 10ª planta do edificio ten aire moderno e de estética mais ben minimalista...


O que alí disfrutamos foi o reflexo do enunciado na súa carta filosófica:
  • Productos da terra
  • O sabor como elemento fundamental
  • Técnicas e creatividade modernas
  • Unha presentación delicada e ben pensada.
 O servicio correspondeuse coas espectativas creadas con moita atención pero sin agobiar e con explicacions puntuais sobre cada aperitivo, prato, prepostre etc.

Por consello do persoal escollemos o viño "Cóndita" da propia adega que resultou todo un achádego para os nosos sensos e que casou perfectamente cos pratos que seleccionamos da carta.

A espuma de sopas de allo de Valladolid, a crema de setas de Soria con torrijas, o arroz negro con láminas de atún, solomillo recheo de queixo pata de mulo... todo como moi tradicional mais tamén moi suxerente, moderno e ben presentado. Os sabores con matices que estimulaban a degustación detallada, as sensacions...

Os postres cun estilo especial e sabores ben contrastados. En fin, que o disfrutamos e que pensamos que ten ben acadadas as distincions das que fachendea.

8.2.10

COCIDO 2010; a herdanza

E fumos novamente testemuñas de como se fai a composición mais senlleira, sinxela e requintada da culinaria galega. 
Trátase dunha auténtica obra de arte comparable a calquer grande cadro, como os de Asorey ou a calquer partitura musical como unha Foliada. De feito, eu hay obras de esas outras artes que non entendo si non é no contexto do festexo exaltador desta magna comunión do que a nosa terra dá e do que a nosa xente fai con elo.

 

 Todo eso, que podería encher bibliotecas de cociña e gastronomía non pode ser comprendido sin asumir que a verdadeira tradición só se transmite por unha cadea invisibel que vai decodificando unha 'expertez' propia das profesions mais estudadas para chegar á alma de quen recibe as leccions de xeito que non só se "saiba" elabora-lo plato senon que se "sinta" como se fai.

 Tiven o privilexio de ser testemuña dun deses intres segredos que tan ben describiu Gunter Grass no "Rodaballo"...logo quixeron quedar as dúas xuntas rematando en conxunto este común mais absolutamente domiñante xantar do pais dos galegos. Un tesouro de tal valor que permanece invisible na simpleza dos seus compoñentes, no sinxelo da súa feitura e na felicidade de quen se senta diante dun prato como este, ou aquel...

28.1.10

EL BULLIcio

UNHA RETIRADA A TEMPO É A VICTORIA QUE LLE QUEDA A QUEN O TEN TODO.

Non hai mais que ver a repercusión mundial do anúncio do señor Adriá... "cheguei á cima e vin que só quedaba baixar".

Para a miña estratega non se trata mais ca dunha campaña de márketing para abrir algunha iniciativa empresarial... non sei non o vexo eu montando unha franquicia de "marca bulli"... a nós estráganos o agasallo do 20º aniversario...salvo que... xa se verá.

Dende logo Madrid quedou 'fusionado' coa nova, pero non parou a mostra de novedades hipergastronómicas; como sempre hai para tódolos gustos que é o que conta.

21.12.09

Antes e despois, AVATAR.

Non podo resistilo, malía que me prometin conformarme co dito no Facebook o certo é que non podo. Quedei moi impresionado e iso que a fun ver a un cinema "normal".

Que dicir? Pois que quen non a vira e quera 'prepararse' que visualice Pocahontas (versión Disney) e Alien. Que repase un pouco como eran as técnicas de rodaxe do século XX e o making off das películas do señor dos aneis...

Ti es tí e o que che rodea?... seica podes ser tí e percibir por outro, e actuar, e facer... entón creaste un avatar que fai por tí, percibe por tí e ti pensas estar "na outra banda" a salvo de todo... mais non é certo.

Un grande argumento, con moi bo ritmo e transicions ben estudadas. Ideas soltas que encaixan, estereotipos cecais algo esaxerados mais moi creibles e, malía a previsibilidade do resultado...emoción.

A técnica de rodaxe...simplemente espectacular. O cinema volta a cobrar vantaxe como espectáculo de sensacions a inmersión e total e non deixa espazos para a confusión.

20.12.09

O ano do abandono?

Non pensedes que non temos feito nada interesante neste tempo... é simplemente que a 'redactora' anda en historias e iste humilde transcriptor non quere facer suplantacions. Pode que vexades "aparecer" algúnha entrada entre a de Solla e ista; é que as tiñamos pre-cociñadas pero non me lle dera o visto bó.

Non sei que pasará en 2010 con iste blogue, seguiremos tentando darlle algunha entradiña sobre estas cousas que SON a vida... esas nas que estás ocupado mentras fas plans. Aproveitadeo o mellor que se poda.

17.2.09

Solla; Pedra e modernidade

Debera estar a escribir sobre o mellor cocido do mundo; mais como as datas cadran como cadran tivemos a ocasión e a aproveitamos. Levabamos moito tempo querendo ir a probar en persoa o traballo tan persoal e, coido, tan vencellado á tradición do televisivo Pepe Solla e ata Poio nos fumos na noite de San Valentín.

Sita nunha casa de pedra, con horreo e cruceiro a casa Solla non evita os anos de tradición que leva ás costas, os exhibe con orgullo mais adaptado á modernidade de un interior amplo cunha cristaleira cara ó exterior, iluminación relaxada e vistas ó traballo da cociña "en directo". A decoración inclue unha exposición 'variable' e destaca unha grande escultura na barra da cociña.

A atención persoal da equipa e do propio Solla ten a xusta medida, nin 'ofician' como outras persoas que requiren silencio e contemplación nin deixan ó cliente desorientado diante de platos de dificil escrutinio.

Para nós foi a cea mais 'rendible' en moitos anos pois calquera dos pratos do menú express que nos recomendaron para esta primeira ocasión así como o Abalo 2006 que tivemos a sorte de escoller acadaron en nós a EMOCIÓN e a multiestimulación esa da que falan nos libros de alta cociña.

Así, os tres sorprendentes aperitivos nos deron unha idea desa conxunción de tecnoloxía e tradición que está en boga, A vieira movilizou os nosos sensos pola mezcla de texturas, o Bacallau nunha liña mais tradicional apoiouse na calidade do mesmo producto e na xusta feitura e, para rematar a costela voltou a movilizar tódolos nosos receptores cunha mixtura de sabores, cores e texturas abraiantes.

Prepostre de queixo país ó estilo de unha crema que mezclar con marmelo ou mazá que fan preciso un pouco mais do rico pan que acompañou a cea. O postre tradicional da casa Solla; un souflé con helado que non fixo preciso un gran esforzo para repetir e rematar pois sendo un postre coñecido no país hai tempo a forza de ausencia está a voltar ó plano do exótico.

A infusión de menta foi o chanzo final nas emocions culinarias da noite pola súa frescura. Vemos dificil superar este envite para moitos dos restaurantes do país.

18.1.09

Borges e Álvarez, El Calafate

Borges y Álvarez, Bar-Librería. El Calafate.

El Calafate é unha localidade da provincia arxentina de Santa Cruz que debe andar polos 40000 habitantes e que pola súa situación xeográfica constitúe a porta obrigada de acceso ó Parque Nacional “Los Glaciares” e á súa xoia, o glaciar Perito Moreno.

Vila típica do desenrolo o seu trazado cuadriculado xira ó redor da Avenida Libertador na que se atopan os centros de artesanía e tendas do lugar. O seu hiperdesenrolo turístico dos derradeiros tempos fai dela unha víctima propiciatoria de tódolos males do crecemento turístico; mais, por sorte, non todo está perdido.

No centro comercial “Tierra de Gnomos” ó pé mesmo da estación de autobuses no segundo andar anúnciase un establecemento singular: “Libro Bar”. É Borges e Álvarez un local que conxuga librería, biblioteca, sala de estar, cafetería, restaurante, bar e sala de concertos sen agobios.

A enorme estantería de cada extremo do local almacena libros de múltiples temáticas, formatos e linguas tanto para a lectura ocasional mentres se toma algo como ben empaquetados para a súa merca, así como postais e pequenos obxectos de artesanía. A calquera hora do día constitúe un refuxio, un punto de encontro ou unha atalaia para observar ó que sucede na transitada avenida Libertador.
Dende primeira hora cos almorzos ben surtidos de café, zumos (jugos) e bollería; pasando polo variado menú do mediodía con xantar ‘de prato’ ou fast food, unha ampla variedade de cervexas e viños ata unha carta de cocteis que porán a proba a capacidade decisoria dos mais atrevidos e música en directo pola noite; todo atrae cara este local do que levamos a mellor impresión pola atención da súa xente sempre disposta a explicar calquera dúbida que nos xurdira.


Paprica, Lugo

Tiña que ser dese xeito; acudimos á bimilenaria cidade de Lucus Augusti e tiñamos que aproveita-lo tempo...

Percurei consello no parecer de outros blogueiros coñecedores da cociña galega e topei esta recomendación e mais estoutra. Evidentemente non temos os coñecementos nin a experiencia de colineta ou de gourmet de provincias para facer unha grande crónica nin levamos libreta na que apuntar tódolos datos así que diremos o noso parecer sen moita floritura.

Trátase dun local xeitoso sito nunha ruela dentro de murallas mais de localización non casual, quero dicir que ou sabes donde vas ou non o topas diante nun paseo normal. A fachada sí que 'ten pinta', atrae a quen gosta dos ambientes pouco recargados, minimalistas diría eu. Unha barra pequena cara a unha cristaleira invita a pasar eses intres de espera tomando un aperitivo.
Comedor nen grande nen pequeno cara a un patio interior ten tamén unha decoración pouco cargada e con boa iluminación, mobiliario acorde e vaixela de louza branca e copas estilosas.

Como as circustancias da viaxe eran as que eran e tocaba conducir tra-la cea a lianta da miña compañeira pediu un espumoso para acompaña-la cea (botella pequena) que eu completei con auga para repoñer o que perdera. De xantar tomamos o Foie e o Atlantico-Pacífico como primeiros e un Risoto mais un bacallu... como non gosto da orde direi que o mellor sen nengún xénero de dúbida é o risoto que fai "move-las orellas" da emoción, o Foie estaba esquisito mais algo salgado, o combinado atlántico-pacífico resultou o exotismo que percurabamos e o bacallau tiña unha feitura que me lembrou á merluza negra que tomamos en Ushuaia...

A Relación Calidade-Prezo semelloume mais que aceptable e como comentario final dicir que tras correr, tomar 2 cortos de cerveza coa súa tapa, 2 copas de espumoso coa cea, auga e café o resultado da alcoholemia foi "0,0" en Guntín.

16.1.09

Ramos Generales, el almacén. Ushuaia.

Esta é a primeira de unha serie de entradas que penso facer sobre os sitios que tivemos a sorte de coñecer na nosa recente viaxe á Arxentina (enlace álbum web).

A visita a Ushuaia constitúe un dos fitos casque inescusábeis de unha viaxe á Patagonia. Poboación creada co obxectivo soberanista e co traballo de presos que padeceron condicións inhumanas Ushuaia, a “bahía que mira ó poñente” na agonizante lingua Ona, é hoxe unha cidade grande, que se esparexa polos montes en construccións mais ben pequenas e que se nutre na actualidade do turismo e da explotación de algúns dos recursos forestais da zona (Lengas, Turba...) tras unha historia chea de erros, abandonos e moito, moitísimo sacrificio.

De A Farola de Praga


Unha de esas historias é a que deu lugar ó almacén e tenda de “Ramos Generales” que a principios do século XX fora un dos tantos establecementos que se fundaran na cidade para comerciar cos colonos e coa prisión. Na actualidade o establecemento conserva a estructura xeral do que fora mais nos estantes acumúlanse os mais diversos obxectos que foron caendo no desuso co paso do tempo, o mostrador ten a venda a mais deliciosa repostrería, como non alfanjores incluídos, e bebidas como a fantástica cervexa artesán local “Cape horn”; a trastenda xa non almecena mercancía senón que é o lugar no que se cociñan platos que abranguen o mais tópico ‘fast food’ con sabor local e as receitas propias da zona como a deliciosa Merluza negra; e no canto da caixa unha máquina de café da que saen cousas tan interesantes como o submarino ou o café “Martín Fierro”. Música de bo gusto ó xusto volume fan deste lugar o refuxio necesario no variable clima de ese extremo do mundo.

26.11.08

"Doña Mayor" en Frómista. Camiño de fé e de razón.

Esta é unha desas entradas que un deixa 'madurar' por ver si atopa verbas menos rechamantes ou melosas.



Vai xa para mes e medio que fixemos a quenda de camiño que nos tocaba este ano escomenzando perto de Burgos e rematando na palentina Carrión de los condes. Non nos podemos queixar nin da meteoroloxía nin da sorte que tivemos porque puidemos comprobar en carne propia como o camiño constitue unha especie de dimensión a parte da vida cotián do resto na que pasas observando todo sen apenas seren percibido mais; cando precisas sempre hai alguen que te axude...



E de todos eses días queremos destacar un lugar singular e unha aposta arriscada.

O lugar é Frómista punto onde o camiño de santiago feito de fé relixiosa, sustentado polo valor económico e cultural do intercambio e actualizado pola necesidade de atopar calma nun mundo que ten demasiada presa se atopa co camiño trazado polo raciocinio academicista e ilustrado que tentou dar valor e oportunidade ó corazón da meseta dotándoa dunha vía de comunicación de alto valor e que agora vive unha segunda oportunidade como motor de desenrolo.




O camiño non fai mais ca 6 kilómetros ó pe da canle mais son dabondo para ver o seu valor como vía de sendeirismo, roteiro de paseo ciclista e de paseos en barca (eléctrica ou a remo). Eu quedei gratamente impresionado e desexo que, por unha vez, as administracions sexan quen de deixar que as zonas mais ailladas aproveiten as súas potencialidades.

DOÑA MAYOR.

Moitas veces, cando un escolle un aloxamento por internet ten que evitar ollar a presentación que fan os sitios de si mesmos e ver as fotos de esguello para non cair en enganos. Mais hai ocasions nas que fotos e verbas se quedan curtas... É o caso deste establecemento que constitue unha arriscada aposta persoal e filosófica de persoas que se alonxaron da barbarie inxustificable para plantar semente de oportunidade na meseta.

Trátase dun edificio de nova planta, construido con sentidiño e ben equipado mais sen luxos asiaticos. Ambientación con bó gusto, zonas comunes ben estructuradas cunha boa biblioteca que fai innecesario cargar con pesada documentación sobre a zona e, por riba de todo, o trato persoal, cercano mais non cargante dos propietarios e do persoal do establecemento.

O restaurante "La esclusa" fai un mix de cociña vasca e aproveitamento dos riquísimos ingredientes locais cunha interpretación que conxuga o respeto da tradición e o coñecemento das tendencias actuais, todo acompañado dunha adega que contén caldos das principais zonas de castela león e do estado. Os resultados son excelentes grazas a un servizo esmerado que coida de tódolos detalles.

5.8.08

Fora e dentro; Viña Albares. A cata 2008

Este ano non vou deixar pasar o tempo que logo xa me dá non sei qué e remato por non escribir.

A cata a que acudimos nun local da zona vella xusto diante da torre de "malvecino" da fortaleza medieval se realizou ó redor da adega Viña Albares que ten a súa sede e moitos dos seus viñedos en Albares de la ribera fora do territorio acollido pola D.O. Bierzo mais lonxe de faceren delo unha desvantaxe esta xente se puxo as pilas e aproveitou a oportunidade para facer cousas 'diferentes' e acollerse as novas denominacións "brancas".

A nós principalmente nos chamaron a atención dous dos productos que fan 'por fora' dos parámetros da D.O.

Uve A sauvignonUve A Sauvignon. Foi para nós unha sorpresa total pois non sabiamos que un viño desta cepa se puidera cultivar con tan bó resultado no bierzo.Aromas a flores e froitos como o pexego ou a pera e un sabor suave, doce en sen agulla. Simple e completo, xenial.
Tinto del obispo
Quinta del obispo. Mencia 1/2 crianza. Tratase do froito rei da zona, cultivado no que fora propiedade do bispo de Astorga na torre pazo que dá noma á adega. Nótaselle o paso polas barricas de carballo francés que lle prestan caracter e unha agrable sensación no traspaso.

É bó saber facer das carencias virtudes e dos problemas oportunidades.

EDICIÓN: Xaneiro 2009

Nestes días estase a celebrar un concurso de pinchos en Ponferrada patrocinado pola adega Albares na que se pode degustar unha copa dos viños sinalados mais un pincho 'de autor' por 2 € nunha serie de establecementos da capital berciana; non vos perdades os pinchos de Gambrinus, Al cuadrado i El otro.

4.8.08

Coñecendo a transición...

...Acudimos ó concerto de Amaral na praza do obradoiro para seren testigos, cando menos, dunha metamorfose senón de algo peor.

Hai 4 anos vimos a un nacente grupo no patio do instituto de Noia, un grupo de dous nominais e varios expoñentes que fixeron vibrar a unha chea de xente nova coa forza da voz de Eva, coas súas carreiras, co toque ‘snob’ do sofá sobre o escenario e cunha música ben compensada entre pop, rock e toques doutros estilos. Dous membros que se ollaban constantemente e que facían acenos ó público para que participase da festa e disfrutaban dela.

Agora vimos un escenario de grande banda, unha voz loitando contra os elementos, mais asentada, sen carreiras nin chimpos, tentando chegar ó público por moi diversos camiños. Unha música mal regulada, con demasiados trocos de guitarra e efectos mal manexados, chea de erros nos tempos que fixeron difícil seguir algúns temas aínda que se coñeceran... con continuos acenos cara ós controis tentando solucionar a falla de manexo dos efectos i escasas olladas ou xestos entre os integrantes do grupo.

Ó cabo, que o chimpo que eles mesmos din que deron “dende a Quíntana ó Obradoiro” foi mal direxido e non é cuestión de que se trate dunha banda pop que tenta facer rock con letras comprometidas senón dunha falla de adaptación á realidade das súas posibilidades musicais. Si se ten unha voz a esa altura ¿non abonda con compoñer temas para que dé tódalas súas posibilidades?. Os punteos das bandas de rock hai que deixárllelos a quen os sabe facer ou precisa deles para encher o que as letras ou a voz non saben dicir.

2.8.08

Come e Fala

...Iván Piñeiro e mais eu fomos xuntos ó instituto e xuntos fixemos os nosos primeiros “pinitos” na emisora de radionoroeste en Lalín; logo el puido facer periodismo en Madrid e, cousas da vida, agora está na R.G. dirixindo un programa de radio sobre gastronomía.

Si normalmente son moi crítico co oficio dos periodistas en xeral se trata dunha cuestión de noxo ás atádelas polas que se deixan guiar cara ó engano e a manipulación política mais no caso do periodismo gastronómico debo recoñecer que o único que sinto é unha noxenta envexa que se ve moi ben resumida no título do programa.

Percurou Iván un bo fato de comentaristas e reporteiros voluntarios nos que se atopa xente que coido destacada da gastronomía que se fai en Galicia como Manuel Gago por exemplo para os contidos sacados da rede. Velaí un indicador do ‘sabor’ do programa: amplitude de miras, aposta pola variedade e a multilateralidade.

Nos diversos espazos cos que se tenta encher a case unha hora de programa hai sitio para falar dos aspectos materiais e intelectuais, dos ingredientes e dos xeitos, da substancia e do recheo que hai ó redor do mundo gastronómico. Hai ollada ó local e hai perspectiva do que se fai por mundo adiante pois non vivimos illados e si queremos que as nosas viandas se difundan e os productos do país acaden o éxito que merecen tamén debemos apreciar e aprender do que se fai en outras latitudes.

Gústame especialmente o espazo adicado á chamada “parte intelectual” do xantar: O Viño. Recoñezo que a descrición das receitas se fai algo ‘pesada’ no medio radiofónico pois depende moito da riqueza da linguaxe de quen fala e case nunca consigue competir coas imaxes; mais ¿logo antes non había programas de receitas na radio?.

Para rematar a única crítica. A coletiña; si contamos os “por iso” que se din, se cadra chegamos ós 50 eh? por hora que dicía aqueloutra de Lastres...

22.7.08

As "outras" Médulas.

Ten o Bierzo sona pola presencia no seu termo de un tesouro arqueolóxico de grande magnitude non só polas súas dimensions senón tamén polos seus significados; estou a falar das minas de ouro de "Las Médulas".
Mais, no Bierzo hai moitas outras pegadas do pasado romano e das súas ánsias polo prezado metal e o seu inxenio para extraelo. Perto de Villafranca do Bierzo na estrada cara a Paradaseca e logo no desvio a Paradiña hai outra mostra senlleira delo: A mina de "A Leitosa".
De A Leitosa
Sin teren as dimensions das súas irmás maiores o seu tamaño tamén chama a atención o contraste entre os riscos vermellos das ladeiras derrubadas e a frondosa vexetación do interior da zona dos derrubos.
De A Leitosa

Dende o merendoiro onde remata a pista de acceso (ben conservada polo de agora) parte un roteiro ben sinalizado e de baixa dificultade que leva polo medio da zona de derrubos e volta pola zona de depósito.


Visualizar o mapa ampliado

Seguindo pola estrada cara a Prado de Somoza atóparanse dúas paradas
De A Leitosa
dende as que se pode apreciar unha fermosa panorámica da mina e do Bierzo Baixo. Un bó motivo para pasar un día visitando esta terra.

De A Leitosa

12.4.08

Un café en Londres

Moita xente gosta de viaxar á capital británica incluso para fins de semana e compras; mais aló do sibaritismo ou snobismo que isto poda significar quédome co cosmopolitismo da cidade e a súa vibrante vida cultural.

Mais hai unha 'pega' que resulta até incómoda. En Londres atopas calquer clase de alimentación e con calquer grao de elaboración mais custa moito, moitísimo atopar un sitio onde che fagan un CAFÉ e non isas cuncas de auga manchada que o único que fan é perforarche o estómago.

Na derradeira visita tivemos a sorte de atopar a zona do "7 deals" no Convent Garden e por alí o "Neal's Yard", un sitio que ten de todo nun e que serve un expresso como ten que ser.


Visualizar o mapa ampliado

Recomendamosvos a zona para pasear por seren semipeatonal e porque ten algunhas remozadas galerías con tendas que lembran outras zonas ben coñecidas, logo podendes tomar unha cervexa tibia nun dos pubs historicos que hai nos arredores como o Porcupine e, si tendes sorte ou reservastes con antelación, unha función dun musical que hai tantos como gustos.

12.3.08

La Boheme no Bergidum

Non tiña eu moi claro que merecera a pena facer esta entrada e non tanto pola calidade da obra que comento como pola miña 'altura' para comentala.

O certo é que descoñezo si esta foi a primeira representación de ópera no teatro bérgidum mais o que si quedou patente é que se trata dun lugar un tanto xusto para obras deste calibre.

Temos pois unha primeira limitación; o formato da obra adaptouse e fíxose 'compacto' tanto na sección da orquesta como na escena para poder encaixalo no espazo do teatro ponferradino. Estes condicionantes non arredaron ó público que esgotou as entradas ó pouco de poñerse á venda o que fala ás clara que SI existe unha demanda deste e outro típo de eventos que precisan un auditorio con mais capacidade tanto no patio de butacas como tra-lo telón.

O asunto é que, coido, que estes atrancos de formato non foron quen de afectar ó desenrolo e calidade da representación que puidemos disfrutar. Para un absoluto descoñecedor deste xénero acostumado ás referencias das 'grandes voces' mais comerciais e con orquestacions mais completas foi unha fortuna non ter escoitado recentemente algunha das grabacions da obra destes artistas co que evitei distorsions e perxuizos de nivel e quedei só coas lembranzas das sensacions que os fragmentos que coñecía me produciran.

Tendes que disculpa-la calidade das imaxes mais atópabamonos lonxe e a cámara do mobil ten as súas limitacions

Ó meu parecer as fermosas arias de "Mimi" premiadas cos aplausos de todo o público estiveron a un moi bó nivel e sigo pensando así logo de escoitar o meu CD de MARIA ainda que recoñezo que ela está en outra galaxia.



Bueno, o que nos quedou claro é a débeda que temos de acudir a unha representación nun lugar mais axeitado (No real de Madrid ou, mellor, no pazo de ópera de A Coruña) e cunha orquestación completa.

3.3.08

AnA "Olvidouse" en Compostela

Cando quixemos ir a Silleda AnA pechara. Un día aturando na tele ó tipo ese da cámara e a moto a vimos novamente... en Compostela.

Instaluse na rúa do "olvido" cara a Sar polo Catrón Vello e aló nos fumos.

Unha casa vella rehabilitada con modernidade mais sen estridencias, unha chea de estancias pequenas e acolledoras; pedra a vista, paneles brancos e luz, música variada (Fado, Jazz, melódica) climatización contra a humidade.

Collemo-la degustación para poder probar mais e un Enate rosado 2005 de cor algo mais transparente do habitual e cun aroma moi marcado a fruto vermello.

Os pratos da degustación decantáronse cara ó marisco e o peixe todo elaborado con agarimo, sen estridencias con sabores e texturas recoñecibles e ben misturados e presentados. O rissoto estaba exquisito. Os postres son mais para o paladar que para a vista con sabores contrastados de doce e ácedo.

Relación calidade prezo asequible nun lugar recomendable.

20.2.08

O fracaso migratorio

A emigración é un fracaso...

...da sociedade na que se orixina.

Teatro de Ningures puxo sobre as táboas do Bérgidum unha condensación de textos e situacions comunes ó drama migratorio de Galiza e ás suas consecuencias para todos nós. Tamén apuntou con claridade e sen crispación cara á "volta da moeda" que vivimos nos tempos actuais e o pouco comprensible que é a actitude dun pais emigrante como o galego coa xente que agora inmigra cara a él.

Eu sempre digo que a ciruxía é o fracaso da mediciña como emigrar foi (É) o fracaso dunha sociedade que non sabe/pode desenrolarse por todo e por nada -deus- así os que emigraron son unha amputación de algo que semella sobrar e o lugar que deixan xa non voltará a se-lo mesmo como eles non o serán mais.

Criticamos ós que veñen porque non se "integran" cando o que semella é que queremos "asimilalos" facendolles esquencer quen 'son'. Cada quen debera escolle-lo seu camiño, uns; ir, traballar, aforrar, voltar a ???. Outros; ir, vivir, manter contacto, axudar e pedir axuda segundo vaian as cousas aló e eiquí. Si a opción de emigrar é libre esta sempre será menos fracaso que si, como entantos tempos e lugares, emigrar é a única saida.

Eu, duplamente emigrante, migrado agora de min mesmo; peregrinando sen move-los pés, cos ollos no sinos do ceo e o corazón como unha laranxa digo: Tod@s somos inmigrantes na terra e nunca voltaremos; só teremos o que saibamos deixarlle ós nos@s fill@s.