27.12.05

Taberna del Alabardero.

Con motivo de tal... fomos facer unha cea degustación con cata á sede da escola de hosteleiria de Sevilla.

Situado na zona do centro histórico que fora porto no rio Guadalquivir, a 50 metros da praza nova (Concello e rua Sierpes), 150 da Maestranza e moi perto da ponte que dá paso ó barrio por antonomasia de Sevilla: Triana. Nunha casona do século XIX que fora propiedade do poeta J. Antonio Cabestany, restaurado con detalle este hotel, bistrot e restaurante ten o que se debe denominar ambiente añejo mais limpo.

Situaronos nun comedor pequeno que fora no seu tempo sala con chimenea con todo o 'ritual' dos grandes restaurantes, música ambiental moi suave, luces sen sombras e lavanda ambiental.

Non dubidamos moito diante da carta; como o queriamos probar todo escollemos o xa dito para podermos probar ben a gusto tanto comidas coma bebidas. E foi unha elección axeitada...

Prefiro non entrar en detalle mais podemos afirmar que os 7 viños e os 7 platos fixeron unha cea 'redonda' e que si coidabamos coñecer o significado da verba "Maridaxe" foi nesta ocasión cando adquiriu tódala dimensión que merece.

26.11.05

A casa do Ferreiro - La Fragua. Herrerías de Valcarce

Dende rapaz me ensinaron a non mezclar a amistade/familia e os negocios pois sempre se acaba perxudicando un dos dous i nós na casa o vivimos en primeira persoa.

Mais, é de xustiza esto que vou a escribir e confeso que ainda que teño boa relación coa persoa que rexenta este local coido que él non precisa de publicidade web nenguha pois basea o seu éxito na calidade do trato persoal e nese feedback que se chama "boca a boca".

Situada nun lugar ineludibel do camiño a Compostela ali, onde se escomenza a ascensión cara ó Cebreiro a localidade de Herrerias de Valcarce xa foi mencionada nunha bula de 1178 polo papa Alexandre III coma hospital dos ingleses en referéncia as derradeiras casas da localidade posiblemente construidas pola dinastia Plantagent.

A casa está retirada da estrada mais ben sinalizada; o comedor é pequeno, moi acolledor sobor de todo no inverno e pode que algun lle atopedes 'pega' a ter a barra do bar no mesmo espazo mais tende en conta que estamos a falar dun pequeno negocio familiar que traballa tanto para o parroquiano de tódolos días como para peregrinos e turistas.

Como curiosidade mencionarvos que na traseira da casa manteñen, ainda que abandonada, a ferreiría que lle dá nome á casa con boa parte dos utensilios e a maquinaria que se empregaba no traballo de ferreiro e con algun traballo pendente de rematar.

Ben, xa postiños na mesa temos un menú que, dentro do clásico esquema: "productos da terra - elaboración tradicional", ofrece alguns toques persoais orixinais e que demostran unhas boas mans na cociña. Nós recomendámosvos o revolto de setas con queixo veigadarte e o bacallau; nos postres escolledeos todos pois a súa feitura fai que non resulten empalagosos nin pesados.

Da atención non debo falar polo xa mencionado no primeiro parragrafo. Aproveitade para facer algun roteiro polos arredores; ademais do xa mencionado camiño hai nesta vila un roteiro curtiño visitando as Ferreirias; tamén merece unha visita a pequena ponte que se cruza o entrar na vila e que leva mais de mil anos vendo pasar peregrinos.

21.8.05

FANDIÑO

Aproveitando que o Arnoia pasa por Allariz e que tiñamos que ir por alí a facer deporte fomos, outra volta mais a "Casa Fandiño". Xa sei que agora non se chama exactamente así, mais na mesma entrada este restaurante se proclama continuador do anterior.

A tradición de Fandiño en Allariz ven de moi vello e a grande sona acadada debeuse sempre ó seu bón facer cos elementos e métodos tradicionais da cociña galega; xa facía moito que o comedor da vella casa se quedaba pequeno cando Tino Fandiño decidiu abrir este novo restaurante con mellor instalación e algo mais amplo adaptando de xeito pragmático unha casa do casco vello alaricano.

Continúase a liña indicada de cultivo da cociña con materias i elaboracions tradicionais sufrindo na súa carta poucas (ou nenguha ) variacións nestes anos; mais, ¿para qué variar?, ¿qué lle pode facer competéncia á empanada de zamburiñas?. A carta de viños ten unha boa selección do pais ainda que algo estancada no tempo e nos viños foráneos nótase certa tendencia "riojizante" que deixa pouca marxe de manobra. Iso si, espero que non troquen nada da carta de postres...

Boa relacion calidade-prezo, boa atención ainda nos intres de mais barullo.

2.8.05

O Eirado da Leña

Dende hai uns anos vimos visitando Pontevedra con moita frecuencia no noso mes de vacacions; o casco antigo é unha zoa que xa non ten nada que envexar ás mais notorias do pais (Santiago p.ex.) nen en monunmentalidade nen en beleza, a proba son esas rúas e prazas cheas de xente a disfrutar do seu tempo de lecer.

E, se todo esto unimos o pracer dos bós productos da terra: Os Albariños, A carne, O peixe, O Marisco...; engadímoslle un local acolledor e ben ambientado, unha atención esquisita, unha elaboración orixinal e ben traballada sen caer en sofisticacions 'snobs' teremos un sitio perfecto para un bon xantar en boa compaña.

25.6.05

Mais do camiño.

Continuamos camiñando; antes de retirarmonos ó refuxio da alma. A seguinte recomendación que vos facemos sitúase na pequena poboación de Puente la Reina coñecida pola súa ponte medieval.



No seu casco histórico na mesma rúa que leva o camiño está situado o Hotel Rural Bidean que ofrece unha instalación moderna no interior de unha edificación reformada, cunha decoración con abondosos elementos rurais, habitacions ben equipadas e bó trato.

Os almorzos abondosos e saludables e unha carta para as ceas ben elaborada e axustada de prezo e a boa combinación do transporte público fan desta unha boa opción para instala-la base para dúas ou tres etapas do camiño.

24.5.05

O prometido...

Cando en Abril rematamos o Camiño de Santiago prometéramos facer unha pequena guia para quen quixera facelo nese plan de sendero-turismo que nos escolleramos.

Para as nosas primeiras xornadas escollemos como base a Hosteria de Zubirimais que nada pola súa situación na metade do camiño entre Roncesvalles/orreaga e Pamplona/Iruña no que coidabamos que nos ia levar dúas xornadas...

O hotel está ben equipado, as habitacions son confortabeis i o servizo 'como na casa' moi no aire do turismo rural ese. Por porlle pegas pois a de estares ó pé da estrada; mais temos que dicir que coa fiestra pechada nada se sentia dende dentro. Teñen boa información tanto sobor do camiño coma de outros roteiros e actividades para facer na zona. A nós o almorzo entrounos no prezo i era mais ca correcto e servido a unha hora na que se podía tomar no hostal para logo inicia-la xornada de 'pateo' co alba. Tamén serven cea cun menú baseado no producto local ben elaborado mais sen sobrecargar e con boa relación calidade-prezo.

En fin eis a primeira recomendación para o tramo navarro do camiño.

2.5.05

FaSendo Tourismo

Neste fin de semana primaveiral fomos dar un paseo pola nosa querida Compostela. Nun día tan claro ollabamos as rúas da améndoa medieval ó traveso dos cristais afumados e tiñamo-la sensación de sermos outros dos miles de turistas que lle dán vida a tanta pedra, cando... vin xente no petril enrriba da porta de Praterías e sentin a vertixe do descubrimento.

Se ides de visita a Compostela, ou se vivides alí perto e non sabedes que facer cunha tarde achegádevos o pazo de Xelmirez (o que está a esquerda da porta do Obradoiro mirando de fronte) e collede unha entrada para visita-las cubertas da catedral. A visión da cidade e do edificio da catedral son magníficas i as esplicacions (a visita é guiada) non veñen mal. Grupos de vintecinco persoas, horas en punto, 10€.

19.4.05

Camiño de Santiago.

Hai xa caseque un mes que fixemos un anaco do camiño de Santiago por terras de Navarra. Nós vimos que a maioria dos peregrinos 'pata negra' seguen a face-lo camiño coa súa grande mochila ás costas e empregando como aloxamento os albergues do camiño; soen ser, sobor de todo, güiris (Europeos e Brasileiros en especial) ou xente nova (<30 anos). Mais vai en aumento o grupo dos 'camiñantes' que fan a ruta coma unha sucesión de camiños de sendeirismo aloxándose de hotel e levando consigo só o imprescindible para a camiñata mentres o resto da "bagaxe" queda no coche. Soe ser xente 'nacional' cunha media de 35 anos e, inclusive, con nenos que non fai toda a peregrinación dun tirón senon que lle adica tempos esporádicos fora do período vacacional.

Organizar unha xeira desas características leva tempo pois a maioria das páxinas adiacadas ó camiño de Santiago céntranse nos peregrinos 'pata negra' e deixan un pouco de lado os outros tipos de aloxamento e de facilidades que busca o "peregrino-excursionista" (Liñas de autobus, paradas de taxi, hoteles e casas rurais, restaurantes, gasolineiras, aluger de bicis....)

A ver se imos 'colgando' o que nos deu resultado para que lle sirva a algúen.

27.3.05

Vargas Blues Band

O día 26 de Marzo tiveron o honor de ter este espectáculo en Cacabelos; a Vargas Blues Band ofreceu unha delicatesen musical a pouco mais de 200 espectadores que desafiamos ó orballo e o frio.

Cunha forza e unha limpeza fora de toda crítica a guitarra de Vargas nos deixou a mostra da súa calidade e bó facer acompañada polo seu grupo do que cabe destacar, sen lugar á dubida ó vocalista pola contundencia e animación; supoño que non tardará moito en da-lo salto a unha carreira en solitario.

Tal vez as salas comerciais de Ponferrada deberan tomar exemplo e levar grupos desta calidade... e a este prezo. O que está claro é que o concerto foi como unha actuación nun clube, desexo que os músicos o pasaran tan ben coma nós.

6.3.05

Casa Marcelo.

Hai sitios que se van facendo cun nome a base de traballo conciente e paciente, tesón lle chaman... A compostelan Casa Marcelo é un deses sitios.

Cunha situación envexable, é un local coas dimensions xustas para disfrutar do magnifico espectáculo da cociña en directo. Neste restaurante NON HAI CARTA pois só as mellores materias primas escollidas polos própios cociñeniros ese mesmo día chegarán á mesa. Como dín por aqui "comer en casa Marcelo é un acto de fé".

A súa ampla formación conxugase ben co manexo dos ingredientes da terra percurando xogos de sabores e texturas que non te deixan indiferente. A nós gustounos moito e pensamos repetir. 9/10

27.2.05

Sobrepasado.

De cando en vez unha boa labazada o pon a un na terra e o deixa ver conclaridade que hai que seguir aprendendo cada día en tódolos eidos...

Nesta volta ós Madriles quixemos acudir a unha obra de teatro "fora de uso" e aproveitar unha ocasión case única asi que collemos reserva para Hamlet Dreams...



Acudir a unha obra de teatro sobor dun texto clásico representado por unha compañía extranxeira (que non emprega un código de comunicación coñecido por tí) é xa un reto; mais neste caso o reto era o espectáculo en sí pois como din as críticas se trata dun espectáculo principalmente visual no que a trama ou argumento do texto de Shakespeare é bordeada en clave onírica sen mais explicacions que as que a própia vagaxe do espectador poda ter ou deducir. Sucesión de esceas de tipo dinámico ou estático, persoaxes claramente simbólicos mezclados coas persoaxes da trama, grande expresividade representativa dos actores e a lectura de fragmentos do texto clásico nos momentos clave fan que unha persoa simple coma mín se pase os descansos da obra (2) dicindo: "non sei si por arriba ou por abaixo, pero esto está lonxe de mín..." mais agora, co paso das horas, os comentários coa compañeira e a intro-retroflexión a obra; coma un bó viño, deixe o regusto de ter acudido a unha cita co único e co sublime. A sensación de ter aproveitado unha ocasión é de por sí valiosa; mais o é decatarse da própia ignoráncia e soberbia.

27.1.05

Lingua de bicar.

Onte á noite escenificouse no "Bérgidum" a obra "Bicos con lingua" de Thalia teatro. Unha obra pensada para o público de Galicia (falante ou non do galego) e que fai case unha análise psiquiátrica do gran dilema deste código que estou a empregar agora que é o idioma galego.

  • ¿porqué si o galego é coñecido por mais do 70% da poboación de galicia só é empregado a cotio polo 30%? e o mais grave: ¿Porqué a xente nova non o emprega?.

    Ainda que puido resultar un pouco violento o mais interesante dende o meu punto de vista foi a charla que se mantivo ó remate da sesión sobor da situación do galego no bierzo; eu coido que si na Galicia política a situación do galego precisa un tratamento psicoloxico no Bierzo precisa terapia intensiva.

    Dende os estudos linguisticos dos anos 70 até o de agora o constreñimento no emprego do galego neste fermoso val é un feito inegabel i a suposta data de defunción do derradeiro "galego-pensante" (gosto mais deste termo) á que se refire a obra pode ser real nesta terra.

    en fin, coido que hai moita "sensibilidade política" respecto a este tema e que , por desgracia, os políticos da dereita nacionalista española estan a sacar moito rendemento ós erros e abusos que en politica linguistica i educativa se poden estar a cometer en outras comunidades. Pero non quero rematar sen dicir que teñen razón os de Thalia teatro cando dín que o fundamental nesto é terse respeto (autoestima) a un mesmo e o patrimonio que para cada un de nós representa o Galego.
  • 9.1.05

    Post de proba

    Hola: Inicio este blog para manter o meu dereito a opinar...