Mostrando entradas con la etiqueta Obras e actos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Obras e actos. Mostrar todas las entradas

21.12.09

Antes e despois, AVATAR.

Non podo resistilo, malía que me prometin conformarme co dito no Facebook o certo é que non podo. Quedei moi impresionado e iso que a fun ver a un cinema "normal".

Que dicir? Pois que quen non a vira e quera 'prepararse' que visualice Pocahontas (versión Disney) e Alien. Que repase un pouco como eran as técnicas de rodaxe do século XX e o making off das películas do señor dos aneis...

Ti es tí e o que che rodea?... seica podes ser tí e percibir por outro, e actuar, e facer... entón creaste un avatar que fai por tí, percibe por tí e ti pensas estar "na outra banda" a salvo de todo... mais non é certo.

Un grande argumento, con moi bo ritmo e transicions ben estudadas. Ideas soltas que encaixan, estereotipos cecais algo esaxerados mais moi creibles e, malía a previsibilidade do resultado...emoción.

A técnica de rodaxe...simplemente espectacular. O cinema volta a cobrar vantaxe como espectáculo de sensacions a inmersión e total e non deixa espazos para a confusión.

4.8.08

Coñecendo a transición...

...Acudimos ó concerto de Amaral na praza do obradoiro para seren testigos, cando menos, dunha metamorfose senón de algo peor.

Hai 4 anos vimos a un nacente grupo no patio do instituto de Noia, un grupo de dous nominais e varios expoñentes que fixeron vibrar a unha chea de xente nova coa forza da voz de Eva, coas súas carreiras, co toque ‘snob’ do sofá sobre o escenario e cunha música ben compensada entre pop, rock e toques doutros estilos. Dous membros que se ollaban constantemente e que facían acenos ó público para que participase da festa e disfrutaban dela.

Agora vimos un escenario de grande banda, unha voz loitando contra os elementos, mais asentada, sen carreiras nin chimpos, tentando chegar ó público por moi diversos camiños. Unha música mal regulada, con demasiados trocos de guitarra e efectos mal manexados, chea de erros nos tempos que fixeron difícil seguir algúns temas aínda que se coñeceran... con continuos acenos cara ós controis tentando solucionar a falla de manexo dos efectos i escasas olladas ou xestos entre os integrantes do grupo.

Ó cabo, que o chimpo que eles mesmos din que deron “dende a Quíntana ó Obradoiro” foi mal direxido e non é cuestión de que se trate dunha banda pop que tenta facer rock con letras comprometidas senón dunha falla de adaptación á realidade das súas posibilidades musicais. Si se ten unha voz a esa altura ¿non abonda con compoñer temas para que dé tódalas súas posibilidades?. Os punteos das bandas de rock hai que deixárllelos a quen os sabe facer ou precisa deles para encher o que as letras ou a voz non saben dicir.

12.3.08

La Boheme no Bergidum

Non tiña eu moi claro que merecera a pena facer esta entrada e non tanto pola calidade da obra que comento como pola miña 'altura' para comentala.

O certo é que descoñezo si esta foi a primeira representación de ópera no teatro bérgidum mais o que si quedou patente é que se trata dun lugar un tanto xusto para obras deste calibre.

Temos pois unha primeira limitación; o formato da obra adaptouse e fíxose 'compacto' tanto na sección da orquesta como na escena para poder encaixalo no espazo do teatro ponferradino. Estes condicionantes non arredaron ó público que esgotou as entradas ó pouco de poñerse á venda o que fala ás clara que SI existe unha demanda deste e outro típo de eventos que precisan un auditorio con mais capacidade tanto no patio de butacas como tra-lo telón.

O asunto é que, coido, que estes atrancos de formato non foron quen de afectar ó desenrolo e calidade da representación que puidemos disfrutar. Para un absoluto descoñecedor deste xénero acostumado ás referencias das 'grandes voces' mais comerciais e con orquestacions mais completas foi unha fortuna non ter escoitado recentemente algunha das grabacions da obra destes artistas co que evitei distorsions e perxuizos de nivel e quedei só coas lembranzas das sensacions que os fragmentos que coñecía me produciran.

Tendes que disculpa-la calidade das imaxes mais atópabamonos lonxe e a cámara do mobil ten as súas limitacions

Ó meu parecer as fermosas arias de "Mimi" premiadas cos aplausos de todo o público estiveron a un moi bó nivel e sigo pensando así logo de escoitar o meu CD de MARIA ainda que recoñezo que ela está en outra galaxia.



Bueno, o que nos quedou claro é a débeda que temos de acudir a unha representación nun lugar mais axeitado (No real de Madrid ou, mellor, no pazo de ópera de A Coruña) e cunha orquestación completa.

20.2.08

O fracaso migratorio

A emigración é un fracaso...

...da sociedade na que se orixina.

Teatro de Ningures puxo sobre as táboas do Bérgidum unha condensación de textos e situacions comunes ó drama migratorio de Galiza e ás suas consecuencias para todos nós. Tamén apuntou con claridade e sen crispación cara á "volta da moeda" que vivimos nos tempos actuais e o pouco comprensible que é a actitude dun pais emigrante como o galego coa xente que agora inmigra cara a él.

Eu sempre digo que a ciruxía é o fracaso da mediciña como emigrar foi (É) o fracaso dunha sociedade que non sabe/pode desenrolarse por todo e por nada -deus- así os que emigraron son unha amputación de algo que semella sobrar e o lugar que deixan xa non voltará a se-lo mesmo como eles non o serán mais.

Criticamos ós que veñen porque non se "integran" cando o que semella é que queremos "asimilalos" facendolles esquencer quen 'son'. Cada quen debera escolle-lo seu camiño, uns; ir, traballar, aforrar, voltar a ???. Outros; ir, vivir, manter contacto, axudar e pedir axuda segundo vaian as cousas aló e eiquí. Si a opción de emigrar é libre esta sempre será menos fracaso que si, como entantos tempos e lugares, emigrar é a única saida.

Eu, duplamente emigrante, migrado agora de min mesmo; peregrinando sen move-los pés, cos ollos no sinos do ceo e o corazón como unha laranxa digo: Tod@s somos inmigrantes na terra e nunca voltaremos; só teremos o que saibamos deixarlle ós nos@s fill@s.

18.11.07

Milladoiro no Bierzo

Como grande traca final das miña cuadraxésima volta ó sol cadrou que voltase Milladoiro a actuar en Ponferrada; no teatro "Bergidum".

Non foi nen moito menos unha desas actuacions nas que danzaba estasiado dende a primeira a derradeira peza; non foi dende logo como os coñecin na Quintana en 1982 ou logo en tantos outros lugares do pais, en eventos sinalados ou en concertos en vilas ou cidades perto de onde eu moraba. Eu non son o mesmo e sería moi pretensioso pola miña banda agardar a que eles o fosen.

O aire de serenidade que un teatro como o Bergidum ofrece non favorece en nada a un espiritu festeiro e festexante como o meu mais eu eleveime por riba delo e disfrutei da actuación dende o meu asiento.

Renovarse ou morrer... Nen unha cousa nen a outra. Milladoiro ten trocado unha parte da formación nestes 30 anos, levando os actuais compoñentes uns 5 anos (dende "o niño do sol") coa incorporación dos novos valores o grupo gañou en apertura a outras tendencias musicais e pagou o tributo dun certo alonxamento das pezas tradicionais 'puras'. Seña como fose as composicions seguen a ser impecables e o grupo non actúa coa deseperación dunha fuga cara adiante, senon que fai múltiples xestos cara ó seu percorrido artistico.

A capacidade multinstrumental de tódolos membros, a inclusión de varias pezas cantadas, en especial do album adicado a Manuel Maria, e a conservación, malia que reducida, desa "vibración" cara ó público deron nun concerto que cautivou a un teatro cheo que participou de bó grao nos 'xogos' que o grupo propuxo.

Disfruteino.

"Quen puidera namorala, quen puidera namorala, meu amigo..."

27.5.07

Reflexión gaiteira

O Venres foi o fin da campaña e para festexalo marchei ó único acto no electoral do día.
O sorprendente concerto dos "Gaiteiros de Lisboa" en Ponferrada tivo boa acollida (2/3) e foi un espectáculo moi interesante. Non son quen de facer un calificativo desta rexeneración do folklore tradicional empregando os elementos sonoros aportados por séculos de contacto cos 'ritmos tropicais' africanos e brasileiros e polo inxenio de mestres Luthiers modernos, mais si podo dicir que foi unha mágoa que o concerto se fixese nun teatro con butacas e non nun lugar aberto pois, en moitas ocasions, a música invitaba a danzar e non a estar sentado.
Como mostra do seu pensamento estas verbas...
Veneramos o gaiteiro de Trás-os-Montes que vive tocando e bebendo enquanto outros lhe tratam das terras (bons tempos!), os virtuosos gaiteiros galegos, escoceses e irlandeses e ainda mais outros, que nos tempos conturbados que vivemos, tentam devolver a gaita de foles ao seu habitat natural - o convívio entre as gentes. São como santos no nosso altar musical. Sabemos, no entanto, que o caminho que vamos traçando nunca nos levará àquela santidade
Certamente disfrutei da actuación ainda non recoñecendo nengun tema pois xa están moi lonxe daqueles que presentaran un video para o Xabarín ainda que manteñen como señas de identidade a importancia das voces e dos ritmos de tambor.

17.3.07

Metodo desconstructivo

Idesme permitir que vos minta...

Fumos hoxe ver unha desas estranas ocasions nas que o reparto completo dunha obra de teatro fai a "xira de provincias" mantendo así a montaxe orixinal que tivo cheo absoluto nos teatros da metropole durante meses; daquela non atoparamos entrada, desta case.

Chegamos puntuais á terceira chamada e escomenzou a 'selección'. O METODO GRÖNHOLM é unha traxicomedia moderna na que non morre ningúen mais o protagonista si que debe sentir gañas de morrer ó verse desfragamentado por unha chea de situacions cando menos extravagantes no mais puro estilo do psicodrama.

Nunha descarada crítica ós sistemas de selección de traballadores que empregan, sobor de todo as multinacionais, (tódalas pistas sinalaban a Ikea neste caso) e que son levados ó limite nos casos de selección de directivos; o guión relata esa "derradeira entrevista" na que os candidatos se enfrontan reunidos a unha serie de escenificacions de situacions persoais que afectan dun ou outro xeito ó desempeño profesional e que sobrepasan con moito os límites do moral para converti-la xestión nunha especie de culto ó beneficio empresarial.

Unha boa interpretación dos catro 'espadas' con mención especial a Jorge Roelas cunha mímica moi desenrolada que daba un aire moi realista ó seu papel.

Ó cabo, NON BUSCAMOS UNHA BOA PERSOA QUE PAREZA UN FILLODEPUTA SENON UN FILLODEPUTA QUE PAREZA UNHA BOA PERSOA.

24.4.06

Ser ou non ser

Por fin puidemos asistir á representación que R.T.A. produce baixo a dirección de Lino Braxe do mais eterno e vixente clásico do teatro universal co mais granado da escea galega i EN GALEGO.

Foi no auditorio municipal de Vilalba; unha magnífica instalación malia o ranxer das sillas con boa visibilidade da escea e boa sonoridade en xeral, mágoa de portas sen cortiñas que petaron até 15 veces no trasnscurso da hora e media de obra.


Do reparto moito que dicir; Primeiro: Luis Tosar sáese. No intre no que Hamlet parte para Inglaterra colocouse entre o público moi perto de nós e desenrolou o fragmento sobor da diferencia entre a natureza humana i a animal fitándome directamente ós ollos... todo o seu traballo resulta moi creible, a dicción mais ca correcta e a linguxe non verbal axeitada. Segundo: que botamos de menos (sen menosprezar Miguel Pernas) a Roberto Vidal Bolaño (Q.G.E.) no papel de Claudio. Terceiro: A veteranía é un grao e así o demostra Gonzalo M. Uriarte co seu magnífico traballo como Horacio. Cuarto: a sorpresa sempre é posible; como nesta volta para nós foi sorpresiva a laboura de Iolanda Muiños desenrolando o triple traballo como Ofelia.


A adapatción do guión obra do própio Lino coa colaboración de Manuel Rivas resulta mais creible ó engadi-la ameaza da invasión Nazi e as implicacions da ideoloxía nacional-socialista ás grandes cuestions universais que a obra plantexa.



Ainda tendes oportunidade de vela a próxima fin de semana en Lugo. Recomendámolova.

16.2.06

Conta historias que non conta contos

Outra volta e co 'patrocinio' da EOI de Ponferrada voltamos a ter teatro en galego no Bergidum.

Desta ocasión "o carreirán " Quico Cadaval acudiu a nos ilustrar sobor de diversos aspectos da cultura e o sentires galegos quedando "meridianamente" claras as "prístinas" relacions do Bierzo con Galiza.

Foi o seu un transitar por explicacions motivadas dun fio conductor sobor da presenza do sobrenatural na cultura galega e anécdotas persoais sobor do tema. Así; disertou longamente sobre a natureza do conto (en especial os "contos de medo") como instrumento de instrucción psicolóxica, sobor da estructura dos contos clásicos da cultura occidental e sobor de algunhas das claves que se agochan neles falando intercaladamente do que foron es contacontos e daqueles "contos da hora de durmir" cos que as persoas maiores nos 'impulsaban' á oración.

As tres historias persoais que nos relatou produciron tamén varias explicacions tributarias do mais diverso e divertido. Todo elo nunha salsa de explicacions linguisticas (sobor de todo semánticas) e de exemplos de como a mentalidade de cada pobo queda plasmada na súa fala; eu polo menos así o 'estimo'.

Coido que as persoas do bierzo (e de fora) que están a estudar galego poderian apreciar no seu falar e nas súas verbas un auténtico exemplo do "galego occidental" (Peixeiro dirian en Lalin) e apreciarian as diferencias dialectais deste... mais tamén se decatarán; como se estivesen diante dun espello, das súas própias características como galegofalantes e caerán na conta de que ningúen lles pode dicir que falan 'mal' o galego (nen o castelan); mais ben ó contrário: A súa fala particular é (debera) un patrimonio a conservar.

27.3.05

Vargas Blues Band

O día 26 de Marzo tiveron o honor de ter este espectáculo en Cacabelos; a Vargas Blues Band ofreceu unha delicatesen musical a pouco mais de 200 espectadores que desafiamos ó orballo e o frio.

Cunha forza e unha limpeza fora de toda crítica a guitarra de Vargas nos deixou a mostra da súa calidade e bó facer acompañada polo seu grupo do que cabe destacar, sen lugar á dubida ó vocalista pola contundencia e animación; supoño que non tardará moito en da-lo salto a unha carreira en solitario.

Tal vez as salas comerciais de Ponferrada deberan tomar exemplo e levar grupos desta calidade... e a este prezo. O que está claro é que o concerto foi como unha actuación nun clube, desexo que os músicos o pasaran tan ben coma nós.

27.2.05

Sobrepasado.

De cando en vez unha boa labazada o pon a un na terra e o deixa ver conclaridade que hai que seguir aprendendo cada día en tódolos eidos...

Nesta volta ós Madriles quixemos acudir a unha obra de teatro "fora de uso" e aproveitar unha ocasión case única asi que collemos reserva para Hamlet Dreams...



Acudir a unha obra de teatro sobor dun texto clásico representado por unha compañía extranxeira (que non emprega un código de comunicación coñecido por tí) é xa un reto; mais neste caso o reto era o espectáculo en sí pois como din as críticas se trata dun espectáculo principalmente visual no que a trama ou argumento do texto de Shakespeare é bordeada en clave onírica sen mais explicacions que as que a própia vagaxe do espectador poda ter ou deducir. Sucesión de esceas de tipo dinámico ou estático, persoaxes claramente simbólicos mezclados coas persoaxes da trama, grande expresividade representativa dos actores e a lectura de fragmentos do texto clásico nos momentos clave fan que unha persoa simple coma mín se pase os descansos da obra (2) dicindo: "non sei si por arriba ou por abaixo, pero esto está lonxe de mín..." mais agora, co paso das horas, os comentários coa compañeira e a intro-retroflexión a obra; coma un bó viño, deixe o regusto de ter acudido a unha cita co único e co sublime. A sensación de ter aproveitado unha ocasión é de por sí valiosa; mais o é decatarse da própia ignoráncia e soberbia.

27.1.05

Lingua de bicar.

Onte á noite escenificouse no "Bérgidum" a obra "Bicos con lingua" de Thalia teatro. Unha obra pensada para o público de Galicia (falante ou non do galego) e que fai case unha análise psiquiátrica do gran dilema deste código que estou a empregar agora que é o idioma galego.

  • ¿porqué si o galego é coñecido por mais do 70% da poboación de galicia só é empregado a cotio polo 30%? e o mais grave: ¿Porqué a xente nova non o emprega?.

    Ainda que puido resultar un pouco violento o mais interesante dende o meu punto de vista foi a charla que se mantivo ó remate da sesión sobor da situación do galego no bierzo; eu coido que si na Galicia política a situación do galego precisa un tratamento psicoloxico no Bierzo precisa terapia intensiva.

    Dende os estudos linguisticos dos anos 70 até o de agora o constreñimento no emprego do galego neste fermoso val é un feito inegabel i a suposta data de defunción do derradeiro "galego-pensante" (gosto mais deste termo) á que se refire a obra pode ser real nesta terra.

    en fin, coido que hai moita "sensibilidade política" respecto a este tema e que , por desgracia, os políticos da dereita nacionalista española estan a sacar moito rendemento ós erros e abusos que en politica linguistica i educativa se poden estar a cometer en outras comunidades. Pero non quero rematar sen dicir que teñen razón os de Thalia teatro cando dín que o fundamental nesto é terse respeto (autoestima) a un mesmo e o patrimonio que para cada un de nós representa o Galego.
  •